Acruga prevé vender este ano coa súa marca 4.000 exemplares de Ternera Gallega Suprema

A asociación comercializou no 2015 un total de 250.000 doses seminais, das que 110.000 se exportaron a Brasil. O prezo media de venda das xovencas nas poxas foi de 2.000 euros, cifra similar a outros anos

Acruga prevé vender este ano coa súa marca 4.000 exemplares de Ternera Gallega Suprema

Gandeiros homenaxeados este ano por Acruga. / Imaxe: Acruga.

A Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) vén de facer balance do último ano de actividade na súa asemblea anual. Un dos datos que destaca do balance é o progresivo incremento experimentado na evolución do número de animais que Acruga sacrifica e comercializa baixo a súa propia marca, amparada na IXP Ternera Gallega. No 2013, foron 2.368 animais e para este 2016 prevé superar os 4.000.

Acruga, que vende a carne dos seus gandeiros baixo a marca Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega, incide na calidade das canais que comercializa e na evolución positiva da demanda da carne tanto no sector da restauración como no do consumo doméstico. Só no primeiro trimestre do ano sacrificáronse 989 reses, o que apunta a que se superarán con amplitude a final de ano as 2.989 do 2015.

Mellora xenética
Gran parte do traballo da asociación enfócase á mellora xenética da raza rubia galega, para o que mantén convenios de traballo coa granxa de recría Gayoso Castro, propiedade da Deputación de Lugo, e con Xenética Fontao. Tamén dispón da súa propia nave de testaxe no Corgo.

Os exemplares criados na granxa Gayoso Castro son os que se subastan nas poxas e os que se lle venden a gandeiros que se incoporan á raza. A granxa pechou o ano con 165 femias e dous machos. Os prezos das xovencas vendidas en subasta mantense estable nos últimos anos no entorno dos 2.000 euros.

A granxa de recría Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, suministra as xovencas que participan nas poxas

En canto ós machos, Acruga dispón na actualidade de 37 touros, entre os que están en Xenética Fontao (21) e os da súa nave de testaxe do Corgo (16). Na actividade da asociación destaca o capítulo de venda de doses seminais, que acadou as 250.000 durante o último ano, das que 110.000 foron exportadas a Brasil.

Polonia, Portugal, México e Turquía son outros países que xa están importando doses de rubia galega. Hai tamén diversos estados de Europa, África e Asia que proxectan programas de cruce das súas razas autóctonas con rubia galega, caso de Indonesia, Marruecos ou Angola.

O traballo de mellora da raza complétase co Programa de Consolidación e Diversificación da Raza Rubia Galega. Acruga traballa con 152 ganderías colaboradoras do programa co obxectivo de obter machos de alto valor xenético e de formar un núcleo de reprodutoras de elite que se poidan utilizar para a doazón de embrións.

O concurso poxa de Adai (O Corgo) celebrarase os próximos 1 e 2 de xullo

Próximas citas
A Asociación ten previsto participar o próximo 10 de xuño no Páramo na exposición de animais de raza rubia galega, así como na Semana Verde de Silleda do 9 ó 12 de xuño. A cita máis importante do ano será, como vén sendo habitual, o concurso subasta de Adai, no Corgo, que terá lugar os próximos 1 e 2 de xullo. Tamén no 2016 está prevista a asistencia a unha mostra en Salamanca (7-12 de setembro) e a Expolugo (8-9 de outubro).

Homenaxe
A asemblea de Acruga aproveitouse para homenaxear ós gandeiros xubilados este ano, ós que se lles entregou unha insignia de prata da asociación. Os gandeiros distinguidos este ano foron os seguintes: Manuel González Álvarez, de Castroverde; Eliseo Teijeiro Rodríguez, de Lugo; Alfredo Arias Fernández, de Castro Caldelas (Ourense); Secundino Péres López, de Paradela; Emilio Díaz Cortiñas, de Abadín; Felicitas Arias Penas, de O Corgo y Manuel Pérez Enríquez, de A Fonsagrada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información