A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) acaba de pechar o seu balance anual do ano 2024, destacando o aumento de explotacións, en case 180 máis en Galicia; a subida dos animais no rexistro definitivo, e o aumento do prezo medio das xovencas poxadas nas poxas que realiza a asociación ao longo do ano, con prezos de récord. Con respecto a 2023 creceron nun cento o número de reprodutores e na mesma cifra tamén se incrementaron o número de nacementos.
Desde a asociación que preside César Dorado destacan que “en canto ao número de explotacións, no 2023 contabilizábanse 1.382 ganderías, unha cifra que ao peche do ano pasado elevábase ata as 1.560. Tamén se incrementaron o número de animais de raza rubia que están inscritos no rexistro definitivo, pasando dos 11.692 aos 11.810 actuais”.
“A cifra de exemplares neste rexistro definitivo subiu mentres que se reduciu a do auxiliar, algo esencial para a raza debido a que os animais do rexistro definitivo son aqueles nos que a súa procedencia e carta xenealóxica está comprobada e certifica, polo que é a algo ao que se aspira desde todas as razas que buscan a pureza e a maior das garantías para gandeiros e compradores”, explican desde a directiva de Acruga.
Outra das cifras que experimentou un lixeiro ascenso é o número de reprodutores, que pasou de 21.388 a 21.483 ao peche do pasado ano. O mesmo ocorreu cos nacementos, que en 2024 contabilizáronse 8.761 polos 8.659 do ano anterior. Actualmente o número de animais de Raza Rubia Galega sitúase en case 29.000 exemplares.
Aínda que Galicia segue concentrando o maior número de explotacións de Raza Rubia Galega, cun total de 1.530, están a asentarse e crecendo lixeiramente as ganderías con esta raza noutros puntos de España, como en Castela-León (15); Madrid (5); Andalucía (4); Estremadura (4); Cantabria (2) e País Vasco (1), comunidades autónomas nas que hai un total de 30 explotacións de rubia galega.
Outro dos datos que se puxo de manifesto no balance anual de Acruga foi o incremento do prezo dos exemplares presentados ás distintas poxas que a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega organiza en diferentes puntos de Galicia, na súa maioría na provincia lucense.
Segundo os datos do pasado ano, nas 13 poxas de, principalmente, as xovencas preñadas, procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, adxudicáronse 104 exemplares dos 105 presentados, cun prezo medio que roldou os 2.600 euros. Esta é unha tendencia que segue á alza a xulgar pola comparativa dos últimos anos nos que os prezos medios foron de 2.520 euros no ano 23; 2.217 no anterior; 2.277 no 2021 e de 2.250 euros no 2020. Hai que ter en conta ademais que o ano pasado incrementouse o prezo de saída destes exemplares que está fixado en 2.300 euros.
A xulgar polos resultados obtidos no actual exercicio nas nove poxas celebradas, as xovencas preñadas que chegan do centro da Deputación de Lugo lograrán un novo récord este ano. Así, a falta de polo menos cinco poxas, o prezo medio sitúase actualmente en 3.130 euros, moi por riba do de saída.
Homenaxe a gandeiros e gandeiras
Ademais de dar a coñecer todos estes datos, Acruga celebrou hoxe a súa tradicional comida anual no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, un encontro multitudinario que serviu para render homenaxe a varios gandeiros e gandeiras que pasarán a gozar da súa xubilación, e para recoñecer o traballo doutros moitos criadores que levan anos impulsando a mellora desta raza.
Para conceder estas distincións, o presidente de Acruga, César Dorado, estivo acompañado polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández; a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; o deputado provincial, Carlos López; e o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela.
Tres anos sen aprobar as contas e perda dun 15% dos socios
O balance triunfalista presentado na Asemblea anual de Acruga polo seu presidente non concorda coa visión que o sector crítico, liderado por David García, ten da evolución da asociación nos últimos tres anos, desde as últimas eleccións, celebradas o 20 de maio do 2022, o que dá idea do nivel de confrontación que se vive no seo da Acruga.
A Xunta Directiva presidida por César Dorado non foi quen da aprobar na Asemblea celebrada este venres, á que asistiron tan só medio cento de socios, as contas anuais da asociación, que leva tres anos tamén sen orzamentos.
Asi mesmo, explican que o número real de socios é neste momento de 1.148, un 15% menos que fai tres anos, logo de darse de baixa 200 socios desde a celebración das últimas eleccións.
Logo da anulación das últimas eleccións por parte do Xulgado, estase á espera da resolución do recurso presentado pola directiva de Acruga ante Audiencia Provincial
Lembran tamén que o Xulgado anulou o proceso electoral por irregularidades e que, a piques de cumprírense os 4 anos de mandato (rematarían na primavera do ano que vén), César Dorado fixo caso omiso da sentenza xudicial, que anulou o seu nomeamento como presidente obrigándoo a convocar novas eleccións. Nin sequera levou a aprobación dun novo regulamento electoral á Asemblea deste venres, sendo este o órgano competente ao respecto.
Galego









Control OJD