Acruga poxa tres xovencas na Fonsagrada

A entidade busca continuar a resultados á alza das últimas poxas e nesta cita, os animais teñen un prezo de saída de 2.900 euros

Acruga poxa tres xovencas na Fonsagrada

O mercado gandeiro da Fonsagrada acollerá mañá sábado a cuarta poxa do ano, a partir das 12.00 horas. Na poxa, organizada por Acruga en colaboración co Concello, poderase puxar por tres xovencas preñadas, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo.

Estas tres xovencas, preñadas de entre tres e oito meses e con idades entre os 22 e os 28 meses partirán cun prezo de saída de 2.900 euros. Como é habitual os gandeiros e gandeiras que gañen a poxa contarán cunha axuda á compra de 200 euros por exemplar, concedida por Caixa Rural Galega.

Estes exemplares proceden de Castro de Ribeiras de Lea, no que Deputación e Acruga traballan conxuntamente para recriar animais de alta calidade e de boas características morfolóxicas, produtivas e de excelente xenealoxía, os animais procedían de explotacións de Acruga de municipios como como Becerreá, Cervantes e Castro de Rei. Ademais, nas súas cartas xenealóxicas, coas que se pode contrastar a súa pureza e tamén valorar os resultados que terán, figuran exemplares coñecidos polos criadores de Raza Rubia Galega como Rufino AG/AG, Xeitoso AG/AG e Marcelo AG.

Desde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, o seu presidente César Dorado, confía en “seguir a mesma liña de bos resultados das primeiras poxas celebradas en marzo e abril, nas que se superaron folgadamente os prezos de saída e nas que se adxudicaron todos os exemplares presentados ás poxas”.

Á poxa de mañá en Fonsagrada, seguiranlle catro novas citas: O 1 de maio, Acruga e a Raza Rubia Galega estará na festa da Tenreira Galega de Láncara, á que acode desde hai moitos anos, con exposición e degustación de carne, e desde fai algunhas edicións, tamén con poxas. Despois os días 9, 10 e 16 de maio haberá poxas en Cervantes, Sarria e Seoane do Courel, respectivamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información