
O recinto feiral do Cádavo, no concello lugués de Baleira, acolle este sábado 12 de xullo a derradeira poxa de xovencas preñadas nesta campaña organizada pola Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA). Para esta cita foron seleccionados tres exemplares procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. O prezo de saída de cada unha das xovencas é de 2.300 euros.
A poxa comezará ás 12.00 e xa dende unha hora antes os interesados poderán obter a tarxeta acreditativa que os acredita para poder poxar. Saen a oferta tres xovencas de 25, 24 e 23 meses de idad e preñadas de entre 3 e 4 meses. Naceron en explotacións de Raza Rubia Galega de A Fonsagrada, Pol e Pedrafita e na súa xenealoxía figuran touros recoñecidos como Pacholo, Friol AG, Alferez ou Camilo AG.
A Caixa Rural Galega aporta axudas de ata 200 euros por exemplar para incentivar as compras dos animais. Den de ACRUGA agardan unha poxa exitosa, tendo en conta a tendencia das anteriores poxas celebradas na provincia de Lugo e tamén por tratarse da derradeira que se convoca ata setembro.
O presidente de Acruga, César Dorado, sinalou que “tra-las nove poxas deste ano, a media xa subiu aos 3.130 euros, moi por riba do prezo de saída, fixado en 2.300 euros, e da media rexistrada en 2024, que foi de 2.600 euros, nun ano con moi boas cotizacións e vendas”.
Dorado destacou tamén que “segue habendo demanda de xovencas preñadas. O ano pasado pechamos cun incremento de case 180 explotacións máis en Galicia, o que demostra que os gandeiros apostan por incorporarse á rubia galega, que como sempre digo é a mellor raza de carne do mundo. Tamén estamos rexistrando un incremento respecto da posta en marcha de explotacións de rubia fóra da comunidade autónoma”.
O pasado ano adxudicáronse 104 das 105 xovencas do centro de recría Gayoso Castro presentadas ás poxas.
Galego









Control OJD