A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (Acruga) celebra mañá unha nova poxa de 28 xovencas preñadas. A poxa terá lugar a partir das 12.00 horas no centro de recría da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, que conta coa colaboracion da Deputación de Lugo. Unha hora antes, todos os asistentes que desexen poxar por algún destes exemplares poderán retirar a tarxeta necesaria para participar en dita poxa. Todos os exemplares proceden do rabaño seleccionado no centro de recría, grazas ao traballo de mellora da raza que realizan neste centro a Deputación de Lugo e a propia Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega.
As poxas arrancarán cun prezo de saída de 1.950 euros, con axudas á compra de Caixa Rural Galega de 200 euros por exemplar. Todos estes animais contan cunha boa xenética e rondan os 25 meses de idade, aínda que hai exemplares de 21 ata os 40 meses. Todas as xovencas están preñadas de entre cinco e oito meses.
Atender a demanda
Acruga volve a celebrar unha subasta apenas unhas semanas despois da realizada en Adai, no municipio do Corgo, na que todas as xovencas deste centro de recría se venderon superando por moito os prezos de saída. De feito, os 22 exemplares procedentes deste centro alcanzaron un prezo medio de 2.300 euros, e un dos animais subiu a súa cotización ata os 3.650 euros.
Desde Acruga o seu presidente César Dorado sinalaba que: “Dados os resultados de Adai, desde a asociación temos a obriga de poñer a disposición dos gandeiros máis exemplares e satisfacer a demanda existente”.
Na pasada edición desta subasta no centro de Recría da Granxa Gayoso Castro, adxudicáronse 22 animais, que obtiveron un prezo de saída de 2.011 euros.
Os exemplares da poxa de mañá forman parte do rabaño de elite criado neste centro, grazas á estreita colaboración de Acruga coa Deputación de Lugo. Ambas partes asinaron un convenio no ano 2007 co obxectivo común de recuperar e mellorar a xenética e facilitar a promoción e a expansión da raza, cubrindo a demanda de gandeiros de rubia e tamén a de novos criadores que apostan pola súa incorporación a esta raza.
Charla Informativa
A actividade de Acruga na granxa Gayoso Castro non rematará coa poxa de mañá. Responsables e técnicos desta asociación estarán de novo nas instalacións deste centro de recría o vindeiro venres, día 3, para a partir das 12.00 da mañá ofrecer unha charla informativa aberta a todos os gandeiros do sector cárnico. O obxectivo é informar da actividade, vantaxes, proxectos e datos da Asociación de Criadores de Rubia Gallega. A charla, que tamén conta coa colaboración da Deputación de Lugo, terá lugar no aulario da nave de prácticas da granxa experimental deste centro de recría.