Acruga ofrecerá a posibilidade de sexar o seme de touros de Rubia Galega

A Asociación de Criadores de Rubia Galega celebra unha asemblea anual na que constata a reactivación do sector tras un ano de parón. Aumenta o número de animais medio por gandería

Acruga ofrecerá a posibilidade de sexar o seme de touros de Rubia Galega

Asemblea anual de Acruga, celebrada en Lugo.

A Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) chegou a un acordo con Xenética Fontao para sexar o seme de touros de Rubia Galega a partir de xaneiro do 2022. Isto permitirá, por exemplo, que as ganderías poidan seleccionar os mellores animais para a recría, co que se consegue acelerar o proceso de mellora xenética das granxas.

Outra cuestión na que se está traballando é na obtención do logo ‘Autóctono 100%’, concedido polo Ministerio de Agricultura, que reforzaría a marca de Acruga (Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega).

O colectivo celebrou esta mañá a súa asemblea anual en Lugo, á que asistiron medio cento de produtores, para facer balance do traballo e da situación do sector. Tras un ano marcado pola Covid, Acruga detecta que se está a producir unha reactivación no sector, pois está aumentando o número de animais por explotación, que chegou no 2020 a 23, fronte ós 20 – 22 que se viñan rexistrando nos cinco anos previos.

É certo que no último ano déronse de baixa algunhas explotacións socias de Acruga, pero as que se manteñen son de maior dimensión e máis profesionalizadas, segundo valora a directiva da entidade.

O mal ano xeral dos mercados deixou tamén datos para o optimismo, segundo Acruga, pois a súa marca gañou maior presenza no mercado, pasando de 7.217 canais comercializadas no 2019 a case 8.000 no 2020, “o que demostra o bo comportamento da raza Rubia Galega no mercado de consumo”, destacan.

Desde a perspectiva do manexo das ganderías, a Asociación subliña tamén que a raza mantén todo o seu atractivo, pois demóstrase que continúa cunha “alta capacidade produtiva”. Os datos de ganacia media diaria de peso sitúanse nos machos en 1,32 Kg., para un peso no destete de 321 Kg. e nas femias en 1,23 Kg., para un peso no destete de 303 Kg.

Distribución dos animais
Este ano non varía demasiado a distribución de animais por provincias e comunidades autonómas. Continúa destacando a provincia de Lugo, con 25.500 das 33.000 cabezas da raza. Séguenlle A Coruña, Ourense Pontevedra, que suman algo máis de 6.000 cabezas en conxunto, e fóra de Galicia tamén hai presenza da raza en Castilla y León (600 cabezas) e Madrid, con case 300 cabezas, entre outras comunidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información