Acruga di que “a cousa pinta moi mal” de cara aos vindeiros meses e teme dificultades na saída do gando

A Asociación de Criadores de Rubia Galega mantén o servizo de comercialización e envío a matadoiro dos becerros para os seus asociados pero con caídas de prezo importantes

ganderia Rubio Martinez SC (Lancara) Ternera Gallega Suprema5A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) augura un empeoramento da situación pola que está a pasar o sector galego de vacún de carne e, aínda que polo de agora están a dar saída con normalidade aos becerros dos seus asociados, temen dificultades nos vindeiros meses para comercializar a carne de calidade das explotacións por mor da baixada de demanda do turismo ou de eventos como bodas ou festas e celebracións gastronómicas.

César Dorado, presidente de Acruga, defende que unha das vantaxes de pertencer á Asociación é que os gandeiros socios “teñen a posibilidade de vender as súas xovencas á granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, onde están a pagarse a 6 euros por quilo/canal, cando nos matadoiros a carne está entre os 4,20 e os 4,40 euros”, argumenta.

Con solucións coma esta, desde Acruga están tentando aliviar a difícil situación pola que están a pasar os gandeiros de vacún de carne, sobre todo os de categoría Suprema, así como a través do acordo que a Asociación mantén para subministrar carne durante todo o ano a un matadoiro galego.

Temen que a cousa empeore nos vindeiros meses e que á baixada de prezos se engadan mesmo restricións á recollida de animais por parte dos matadoiros

Malia a baixada nas cotizacións, a Asociación que preside César Dorado defende os bos prezos negociados entre Acruga e o matadoiro ao que envían a carne da súa marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Galega, así como o mantemento das recollidas, que garante neste momento as saídas de becerros das granxas con normalidade, así como os bos rendementos nas pesaxes e a rapidez no cobro para os gandeiros da asociación.

Calquera socio de Acruga pode facer uso deste servizo de recollida de gando, que a Asociación ofrece sin coste a todos os seus gandeiros asociados. Sen embargo, a maioría de produtores ten os seus propios compradores habituais (matadoiros, tratantes, empresas cárnicas) e a venda a través deste servizo da Asociación é minoritaria.

Sen restricións á recollida polo de agora

O matadoiro ao que Acruga envía os becerros dos seus asociados –prefiren non revelar cal é– non está a poñer de momento restricións á entrada de gando. Con todo, a propia evolución da demanda e a caída de prezos fixo descender as recollidas nas últimas semanas.

Fai 6 meses estaban a moverse entre 60 e 70 becerros á semana e había momentos nos que non eran dabondo para cubrir a demanda, explican desde Acruga, unha cifra que na actualidade reduciuse a uns 40 animais, unha vez pasado o boom inicial de consumo das primeiras semanas de confinamento, nas que desde a Asociación chegaron a enviarse 90 becerros ao matadoiro.

Moita oferta e pouca demanda

O problema neste momento é “que non hai consumo”, din, o que fai que haxa “moita oferta e pouca demanda”, unha situación que prevén que aínda poida agravarse máis de cara aos vindeiros meses, que eran, coincidindo co verán, as semanas fortes para a carne de rubia galega.

De cara aos vindeiros meses “a cousa pinta moi mal”, din desde Acruga, xa que todos os pedidos de carne que chegaban de bodas, turismo ou festas “van reducir moitísimo o consumo”, prevén. Esta circunstancia fai que non só exista temor a que siga baixando o prezo senón mesmo a que se impoñan restricións á recollida por parte dos matadoiros e as empresas comercializadoras.

Entre 60 e 80 céntimos de baixada

A asociación que preside César Dorado defende as vantaxes da comercialización a través de Acruga, xa que din, “a negociación en conxunto permite acadar prezos superiores posto que se surte de maneira estable durante todo o ano bo produto ao matadoiro”. Sen embargo, este acordo non serviu para manter as cotizacións e os prezos da marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Galega tamén caeron e móvense “nos valores de mercado”, din.

Os prezos para Acruga móvense “nos valores de mercado”, din

As canais de até 240 quilos –con máis quilos o prezo diminúe– movíanse antes da pandemia entre os 4,80 e os 5 euros o quilo máis IVE, en niveis semellantes aos do ano pasado nestas datas, con cotizacións de 4,80 euros para o gando de clasificación R, 4,90 para a categoría U e 5 euros para a E. Hoxe a media está en 4,30, “que é ao que se pagaba a Ternera Gallega normal en 2019 e que agora tamén baixou e está entre 3,80 e 4 euros”, recoñecen en Acruga.

Mantense a celebración da Poxa e o Concurso en Adai

Acruga Adai estandarA crise sanitaria está trastocando tamén o calendario anual de eventos de Acruga. Unha das citas máis importantes para os criadores de raza rubia galega é no mes de xuño a feira de Adai, no concello do Corgo, que acolle o Concurso e a Poxa Nacional da Asociación.

“Estamos a traballar coa esperanza de poder facer a feira o 20 de xuño, aínda que loxicamente, no caso de que non poidamos celebrala, aprazarémola para xullo. Queremos ter todo preparado para poder facela con todas as medidas de seguridade necesarias”, explica o presidente de Acruga, César Dorado.

O Concurso Nacional de gando de Acruga en Adai chega este ano á súa 91 edición

O pasado 15 de abril desde a asociación de criadores enviáronse notificacións a todos os gandeiros para que poidan inscribir o seu gando para a feira. Hai xa anotados máis de 70 animais no concurso e 15 na poxa. Acruga conta neste momento con 1.717 explotacións de toda España e 1.248 socios, dos que a meirande parte (1.692 explotacións e 1.228 socios) están en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información