Acruga defende unha “boa xestión”, con vantaxes para as súas granxas socias

A Asociación de Criadores de Rubia Galega sae ó paso das críticas lanzadas por un dos seus socios, que presentou hoxe un escrito de queixas na sede do colectivo

Acruga defende unha “boa xestión”, con vantaxes para as súas granxas socias

César Dorado, presidente de Acruga. / Arquivo.

As augas baixan revoltas nas ganderías de vacún de carne, pois a caída de prezos dos últimos meses, provocada polo coronavirus, aumenta o descontento que viñan xa manifestando de xeito tradicional unha parte das ganderías coas entidades do sector, nomeadamente con Acruga e con Ternera Gallega.

Esta mañá, un socio de Acruga presentou un escrito na sede da Asociación pedindo a dimisión da directiva polo que considera erros de xestión. Desde a Asociación saen ó paso de tales críticas, que consideran “individuais dun único socio”, e defenden a xestión da actual directiva, encabezada por César Dorado.

Acruga lembra as vantaxes que logran os gandeiros da raza Rubia Galega que son socios da entidade, en comparación coas granxas que están á marxe da Asociación. Así, a directiva destaca que recentemente se acadou un convenio coa Deputación de Lugo para apoiar ós socios na recría de novillas.

“Sempre houbo boa sintonía coa Deputación de Lugo, coa que levamos colaborando desde hai anos no centro de recría da granxa Gayoso Castro”, explican, para logo sinalar que tamén se lle remitiron propostas e mantivéronse reunións cos responsables doutras deputacións galegas, pero “lamentablemente non se puido chegar a acordos similares”.

Situación de mercado
Sobre a baixada do prezo da carne, Acruga lembra que é unha cuestión de mercado que afecta a todo o sector, pero aínda no actual contexto, a Asociación “continuou garantindo a recollida dos animais e conseguindo prezos de mercado para os nosos gandeiros”.

A entidade dispón desde hai anos dun servizo de recollida e traslado dos animais ó matadoiro, ocupándose Acruga de negociar co matadoiro “para que o gandeiro obteña sempre o máximo beneficio, con independencia da situación externa”, subliñan.

Outra posible saída que teñen as xovencas dos socios de Acruga é a súa venda para vida ó centro de recría da granxa Gayoso Castro, “o que depara maiores beneficios que o seu sacrificio”.

Asemblea xeral
En calquera caso, desde Acruga lembran que está sobre a mesa a convocatoria da asamblea xeral anual, “que tivo que ser aprazada polo coronavirus”. “É unha asemblea na que os socios poderán expoñer as súas propostas e queixas”, sinala a actual directiva, que tamén presentará un balance dos distintos aspectos da súa labor, incluída a “política laboral e os cambios feitos na secretaría técnica para mellorar a xestión”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información