Acruga celebra este sábado en Pedrafita unha poxa de 5 xovencas

O recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro acollerá mañá sábado unha nova poxa de xovencas preñadas, organizada por Acruga, en colaboración co propio concello. Será a partir das doce da mañá cando os interesados en adquirir touras preñadas de pura Raza Loura Galega poderán poxar por algún dos cinco exemplares, todos eles procedentes do centro de recría da Granja Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo.

O prezo de saída será de 2.300 euros por catro dos exemplares e de 2.800 euros por unha vaca parida, de 29 meses, que sairá a poxa xunto á súa cría femia de pouco máis de 15 días. Como é habitual neste tipo de poxas, haberá axudas á compra de Caixa Rural Galega, de 200 euros por cada exemplar.

As outras catro xatas polas que se poderá poxar no recinto feiral de Pedrafita están preñadas de entre tres e catro meses, teñen idades comprendidas entre 23 e 27 meses, e aínda que a recría destes animais levou a cabo no centro de Castro de Ribeiras de Lea, os animais foron adquiridos en explotacións de Baralla, O Paramo, Láncara, O Corgo e do propio concello de Pedrafita do Cebreiro.

O presidente de Acruga, César Dorado, sinala que “uns dos aspectos que máis valoran os gandeiros e gandeiras que compran exemplares nestas poxas é a xenealoxía dos animais, e neste sentido hai que destacar que as xovencas da poxa de mañá son fillas de sementais moi recoñecidos e de gran calidade como Paderne AG, Xeitoso AG e Cholo AG”.

Todos os criadores interesados en adquirir algunha das xatas na poxa de mañá poderán retirar a súa tarxeta acreditativa a partir das once da mañá, no propio recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro.

A próxima cita para adquirir animais de pura Raza Rubia Galega organizada por Acruga será o próximo día 26 de abril na Fonsagrada.

POXA ACRUGA PEDRAFITA 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información