Un total de 232 viños, 160 brancos e 72 tintos, procedentes de todas as denominacións de orixe de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), participan entre este luns día 20 de xaneiro e mañá martes día 21, nunha cata dirixida polo Master of Wine Pedro Ballesteros, quen tamén degustará produtos que se embotellan baixo as catro Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
As instalacións do Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), albergan a celebración desta cata cuxos resultados formarán parte dos Informes Españois do Club Oenologique para 2025. Un resumo deste informe publicarase na prestixiosa revista impresa Club Oenologique, ademais de poder consultalo de forma completa de maneira online. Club Oenologique é unha plataforma de prestixio que inclúe unha revista, unha plataforma dixital e eventos exclusivos. Nesta ocasión, o informe presentado por Pedro Ballesteros está dirixido aos consumidores de viños de alta gama, polo que se destacará na sección Colección do sitio web, xunto con outros de éxito como Informes de Champagne, Grower Champagne, Italiano e Rosado.
Este luns foi a quenda das denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra. Mañá, Ballesteros terá ocasión de degustar as propostas de Rías Baixas e Monterrei.
Datos de participación por D.O.
D.O. Rías Baixas: 78 viños; 76 brancos, 2 tintos.
D.O. Ribeira Sacra: 33 viños; 8 brancos, 25 tintos.
D.O. Valdeorras: 54 viños; 27 brancos, 27 tintos.
D.O. Monterrei: 13 viños; 9 brancos, 4 tintos.
D.O. Ribeiro: 54 viños; 40 brancos, 14 tintos