Acordo sobre a PAC, os ecoesquemas suporán un mínimo dun 20% dos pagos directos

O Consello de Ministros de Agricultura da UE pecha un pacto pasadas as 4 da madrugada deste mércores. “Todos queremos unha agricultura máis sostible, pero non será gratis. Era preciso asignar fondos e fixémolo”, felicitouse a ministra alemá, Julia Klöckner

Acordo sobre a PAC, os ecoesquemas suporán un mínimo dun 20% dos pagos directos

Consello de Ministros de Agricultura da UE.

Os ministros de Agricultura da UE, que estiveron reunidos os últimos dous días, pecharon finalmente un acordo sobre a reforma da Política Agraria Común (PAC) en torno ás 4 da madrugada deste mércores. A principal cuestión a debate centrouse na arquitectura verde da nova PAC, á que os ministros decidiron destinar un mínimo do 20% dos pagos directos do primeiro pilar da PAC.

En palabras da ministra alemá, Julia Klöckner, a quen lle corresponde a presidencia semestral do Consello de Ministros de Agricultura, “trátase dun acordo histórico que logra un equilibrio entre competitividade da agricultura europea e medidas a favor do clima e do medioambiente. Todos queríamos unha agricultura máis sostible, pero non será gratis. Era preciso asignar fondos e fixémolo”.

O acordo acadado obrigará a que tódolos Estados membros destinen un mínimo dun 20% dos fondos do primeiro pilar a financiar os ecoesquemas, un instrumento de apoio a medidas beneficiosas para o clima e o medioambiente. España xa deseñou un primeiro borrador dos ecoesquemas que proxecta para a futura PAC, a partir do 2023, se ben están pendentes de concreción tras as alegacións e propostas presentadas por organizacións agrarias e cooperativas.

A decisión tomada polos ministros terá que consensuarse nas próximas semanas co Parlamento, onde en principio houbo un pronunciamento para fixar os fondos mínimos para os ecoesquemas nun 30%. “Estamos hoxe ante un acordo positivo para o clima e o medioambiente. Se a cifra final que se destina ós ecoesquemas é un 20 ou un 30% dos fondos é unha cuestión que terán que negociar o Parlamento e o Consello, no marco da negociación dun paquete global. O verdadeiramente importante é que entre as medidas do primeiro pilar e as do segundo, un 40% dos fondos da PAC irán para obxectivos ligados ó clima e ó medioambiente”, valorou o comisario de Agricultura, Janis Wojciechowski.

Transición
Os ministros decidiron tamén a pasada madrugada establecer un periodo de transición de 2 anos na aplicación dos ecoesquemas, de xeito que os dous primeiros anos da nova PAC -previsiblemente 2023 e 2024-, os fondos destinados a ecoesquemas no primeiro pilar (pagos directos) que non se gasten, poidan dirixirse a medidas agroambientais ou verdes do segundo pilar da PAC.

Búscase así darlle tempo a agricultores e gandeiros a adaptarse ás novas demandas, sen que se perdan fondos europeos.

Outros acordos
No marco do Consello de Agricultura da UE acadáronse ademais outros acordos, como destinar un 2% dos pagos directos a investimentos de agricultores mozos, prolongar o sistema de dereitos de plantación de viñedo ata 2040, como pedían España e Francia, ou reformar o réxime de pequenos agricultores, que se encadrarán no réxime xeral da PAC, segundo anunciou o comisario de Agricultura.

Tamén se aprobaron os reglamentos da nova PAC relativos ós Plans Estratéxicos Nacionais, á organización de mercados e á financiación, se ben agora haberá que negocialos co Parlamento Europeo.

Simplificación administrativa
A ministra alemá, Julia Klöckner, anunciou por último a posta en marcha dun grupo de traballo para simplificar a PAC, co obxectivo de reducir os trámites burocráticos. “Os agricultores traballan no campo, non na oficina”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información