Acordo polos impagos de Clea a granxas e anuncio de accións contra Logística Alimentaria

Unións Agrarias prevé chegar a unha solución inminente para un grupo de gandeiros que arrastran débedas con Clea. En cambio, a situación con Logística está enquistada e barállanse mesmo protestas ante a planta

Acordo polos impagos de Clea a granxas e anuncio de accións contra Logística Alimentaria

Planta de Clea en Rábade. / Arquivo.

Cando unha granxa decide cambiar de industria recolledora, ten sucedido en ocasións que algunha empresa saínte lle practica ós gandeiros liquidacións á baixa no seu último mes. Son situacions que chegan a deixar nas granxas perdas de miles de euros, pero que son complicadas de reclamar. Dúas das industrias sinaladas por estas prácticas nos últimos anos son Clea, coa que Unións Agrarias anuncia un principio de acordo, e Logística Alimentaria.

O caso da industria asturiana Clea, cunha factoría en Rábade (Lugo), é coñecido no sector gandeiro polos impagos que vén arrastrando nos últimos anos e que lle granxearon unha dubidosa sona entre os produtores. Nove dos afectados por impagos de Clea xestionaron as súas reclamacións a través de Unións Agrarias, organización que anuncia agora un inminente acordo.

“Imos acadar unha solución a curto prazo porque Clea está amosando boa vontade” -expón Félix Porto, coordinador de acción sindical de Unións Agrarias-. “Levamos os casos de 9 gandeiros con impagos, algúns no xulgado e outros pendentes de demanda, pero lograremos saldar o 100% das débedas pendentes mediante un acordo con Clea”, pronostica Porto.

Distinta é a situación con Logística Alimentaria, onde Unións leva o caso de 11 gandeiros que arrastran impagos. “Logística Alimentaria tiña un modelo de contrato que cando xurdían distintas interpretacións sobre o mesmo, obrigaba a apelar á Corte Española de Arbitraxe antes de chegar a un proceso xudicial. O problema é que ese é un sistema moi caro, pois para ir a arbitraxe, xa de inicio a granxa ten que poñer un mínimo de 1.000 euros para reclamar e, en ocasións, ata 2.000, se a industria non puña os outros 1.000 euros que lle correspondían”, explica Félix Porto.

“Esa situación deixaba ás granxas indefensas porque custáballes máis cartos reclamar que as cantidades que ían recuperar. Pero non imos deixar que ningunha industria se ría dos produtores e imos implicarnos no proceso para reclamarlle os cartos a Logística vía arbitraxe”, anuncia Félix Porto.

Desde a organización agraria, apelan tamén á implicación da Xunta para solventar estas situacións. “Igual que un gandeiro non pode acceder a subvencións se ten débedas coa Administración, pedímoslle á Xunta que non lle dea ningunha subvención ás industrias que teñan reclamacións de impagos por parte de granxas”, propoñen desde a organización agraria.

Para enfrontar o caso de Logística, Unións incluso baralla desenvolver protestas ante a planta de Castro de Rei (Lugo), segundo trasladaron onte en rolda de prensa.

“É sorprendente que Capsa (Larsa e Clas) anuncie que logrou os seus resultados económicos máis abultados no medio dunha crise grave das granxas”

Félix Porto e Óscar Pose, na rolda de prensa.

Félix Porto e Óscar Pose, na rolda de prensa.

Unións Agrarias aproveitou a rolda de prensa de análise do sector lácteo para cuestionar as contas do 2020 que comezan a comunicar as industrias. “É sorprendente que Capsa (Clas e Larsa) traslade publicamente que logrou os seus resultados económicos máis abultados no medio dunha crise grave das granxas”, cuestiona Félix Porto.

A industria asturiana, que en Galicia envasa a marca Larsa, anunciou recentemente unha facturación recórd, cun beneficio de 25 millóns de euros. “Entre tanto, as granxas sufriron un aumento de 2 céntimos por litro no custo de produción no último ano”, lembra Unións, que critica que Larsa se negara este ano a aumentar o prezo nos contratos coas granxas para paliar ese aumento de custos.

Situación de prezos nas cadeas de distribución
O aumento de custos nas granxas está a deixar ó sector nunha situación “insostible”, segundo entende Óscar Pose, responsable do sector lácteo de Unións Agrarias. “Industrias e supermercados teñen que mover ficha para solucionar esta situación, pero as Administracións tamén teñen que deixar de mirar para outro lado” -cuestiona Pose-. “A Administración ten que decidir con quen está, se coa industria ou cos gandeiros”, asevera.

“Estamos a rematar un estudo no que se ven as diferenzas entre as industrias. Será bo que os consumidores coñezan que marcas apoian ás granxas e cales non” (Óscar Pose, Unións Agrarias)

Unións critica que a Xunta abandonara xa hai anos o seu papel de intermediación entre as partes, pero apunta fundamentalmente ó Ministerio de Agricultura. “O Ministerio ten os datos todos e ten a Ley de la Cadena Alimentaria, que lle permite actuar. Non queremos máis compromisos, queremos medidas xa”, conclúe Óscar Pose.

A organización agraria sinala como principais responsables do bloqueo de prezos no campo tanto ás industrias como ás cadeas de distribución. “Imos publicar un estudo no que se ve a diferenza de prezos entre as industrias. A unha granxa estar nunha industria ou noutra pódelle supoñer ata 10.000 euros de diferenza nos ingresos anuais. Sería bo que os consumidores coñeceran que marcas apoian ás granxas, como Entrepinares ou Deleite, por exemplo, e cales non”, valora Pose.

Unións iniciará unha rolda de contactos coas cadeas de distribución para abordar os baixos prezos do leite nos supermercados

A organización agraria, por último, anuncia unha rolda de contactos coas cadeas de distribución para abordar a situación de prezos do leite nos supermercados, onde a maioría de cadeas manteñen estratexias de baixos prezos nas marcas blancas. “Levamos seis anos cos prezos do leite estancados ou á baixa nos supermercados. Este é o momento de cambios e de que esas suban repercutan nas granxas”, defende Félix Porto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información