A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asinou hoxe un novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e coa directora-xerente de Seaga, Luisa Piñeiro. Este acordo, que conta cun orzamento de 12,25 millóns de euros para este ano, busca fortalecer a cooperación na prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia.
Na sinatura, á que tamén asistiu o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, a conselleira destacou a importancia desta colaboración entre administracións para reducir os lumes nas zonas de interface urbana. Os concellos que o desexen poderán adherirse a este convenio, que dá continuidade ao asinado no 2018 e que rematou a súa vixencia en 2024.
O orzamento deste acordo distribúese entre os 7,75 millóns achegados pola Consellería do Medio Rural e os 4,5 millóns procedentes do Fondo de Cooperación Local. A vixencia do convenio esténdese ata o 31 de decembro de 2025, cunha posible prórroga.
Entre as actuacións previstas, inclúese a colaboración técnica na revisión dos plans municipais de prevención de incendios, a execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas prohibidas. Ademais, prevese a xestión de biomasa nun máximo de 10 hectáreas por concello e ano, actuacións en vías municipais de ata 12 quilómetros por concello e ano, e apoio técnico en labores de inspección de parcelas.
A conselleira explicou que nas parroquias priorizadas, a Administración autonómica prestará axuda aos propietarios para a formalización de contratos de xestión de biomasa, actuacións que serán desenvolvidas a través de Seaga.
Por último, María José Gómez puxo en valor o anterior convenio, ao que se adheriron 288 concellos, o 92% dos municipios galegos, e destacou que entre 2021 e 2024 se inspeccionaron 2.337.790 parcelas, cunha superficie de 171.389 hectáreas.
Reafirmou tamén o compromiso do Goberno galego coa prevención dos incendios e agradeceu o labor do persoal do dispositivo de loita contra o lume, facendo un chamamento á responsabilidade cidadá.