Acordo para a nova PAC: pagos redistributivos obrigatorios, maior apoio a agricultores mozos e un agro máis ecolóxico

Europa pecha un pacto provisional para impulsar un novo ciclo da Política Agraria Común (PAC) a partir do 1 de xaneiro do 2023. España comenzará a perfilar o seu Plan Estratéxico Nacional na primeira quincena de xullo, coa idea de presentalo a Bruxelas antes de fin de ano

Acordo para a nova PAC: pagos redistributivos obrigatorios, maior apoio a agricultores mozos e un agro máis ecolóxico

As institucións europeas chegaron hoxe a un acordo sobre a próxima Política Agraria Común (PAC), que se espera que sexa máis xusta a nivel social, máis ecolóxica e máis respectuosa cos animais. A principal cuestión que destaca no novo ciclo da PAC, que se iniciará a partir do 2023, é a aposta por ambicións ambientais e climáticas máis elevadas, na liña dos obxectivos do Pacto Verde (Green Deal).

A nova PAC busca ademais unha distribución máis xusta dos apoios, polo que o 10% do presuposto destinarase a pagos redistributivos que beneficiarán a pequenas e medianas explotacións. Tamén se marca un mínimo dun 3% de presuposto para apoiar ós agricultores mozos, menores de 40 anos.

Sobre a base do acordo europeo, cada Estado membro definirá no que queda de ano unha proposta de Plan Estratéxico Nacional, que marcará as condicións de aplicación da PAC en cada país.

Estas son as principais cuestións pactadas polas institucións europeas para o novo ciclo da PAC.

Pagos redistributivos. Será obrigatorio que os Estados membros destinen polo menos un 10% do presuposto da PAC en beneficio das explotacións máis pequenas. Deberán describir no seu Plan Estratéxico Nacional como planean facelo.

En España, o Ministerio de Agricultura xa anunciara pagos redistributivos para as pequenas e medianas explotacións, na idea de ofrecer pagos suplementarios ás primeiras hectáreas, se ben está no aire como se vai implementar.

Apoio a agricultores novos. Destinarase un mínimo do 3% do presuposto da PAC de cada Estado membro a apoiar ós agricultores mozos, menores de 40 anos. Ese presuposto cubrirá axudas á renda, investimentos e apoio á incorporación.

Condicionalidade social. Para cobrar a PAC, controlarase que os beneficiarios respetan a lexislación laboral e social europea.

PAC máis ecolóxica

Europa anuncia unha agricultura máis sostible, con maior ambición polo clima, o medioambiente e o benestar animal, en liña co Green Deal (Pacto Verde), a estratexia europea ‘Da granxa á mesa’ e a de biodiversidade.

Condicionalidade. Endureceranse os requisitos mínimos para cobrar a PAC. Por exemplo, Europa quere que cada produtor adique polo menos o 3% da superficie cultivable á protección da biodiversidade e a elementos non produtivos, coa posibilidade de recibir apoios a maiores (ecoesquemas) para acadar porcentaxes dun mínimo do 7%.

Ecoesquemas. Os Estados membro destinarán un 25% dos apoios á renda a ecoesquemas, un instrumento que compensará ós produtores por implementar prácticas respetuosas co clima e o medioambiente, así como por melloras no benestar animal.

En España, o Ministerio de Agricultura xa avanzou un primeiro borrador de ecoesquemas, pero deberá concretalo nos próximos meses. Espérase unha Conferencia Sectorial do ministro cos conselleiros autonómicos do ramo na primeira quincena de xullo, que será onde se aborde este e outros temas, de cara a definir o Plan Estratéxico Nacional.

Fondos para compromisos agroambientais. Manteranse as liñas de axudas agroambientais do segundo piar da PAC (Plan de Desenvolvemento Rural) e polo menos un 35% dos fondos do segundo piar deben destinarse a fomentar prácticas que melloren o clima, o medioambiente e o benestar animal.

No caso de Galicia, o sector está pendente da definición dos ecoesquemas e das agroambientais, pois haberá que evitar solapamentos entre ambas liñas de axudas.

Una idea sobre “Acordo para a nova PAC: pagos redistributivos obrigatorios, maior apoio a agricultores mozos e un agro máis ecolóxico

  1. Josefina

    Hola . Pareceme muy ben esta nova proposta da Pac, e que den axudas a quen mais as necesite , como xente nova çon poucos recursos ( Pois empezar de cero e moi duro ) Últimamente, están axudando mais a xente maior , incluso ai xubilados recibindo as axudas , e tamen os criadores de reses bravas ( Isto xa e inaudito e vergonzoso ) Espero que revisen as explotacions e loiten polo ben estar animal . Graciñas

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información