Acordo para lanzar ó mercado planta de piñeiro con mellora xenética

Os viveiros galegos, agrupados en VIFOGA, e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán emprenderán un programa de produción de planta de alto valor xenético, no marco dun convenio asinado hoxe pola Fundación Arume e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Acordo para lanzar ó mercado planta de piñeiro con mellora xenética

Sinatura do convenio entre a Fundación Arume e Medio Rural.

Os propietarios forestais galegos terán a súa disposición planta de piñeiros de alto valor xenético. Ese é o obxectivo co que a Fundación Arume e a Consellería do Medio Rural, conxuntamente coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria, veñen de asinar un convenio que impulsará a investigación e a producción de planta de alta calidade, con maiores crecementos e resistencias fronte a pragas e enfermidades.

O convenio, que se desenvolverá no que queda de ano 2021 e no 2022, é froito da colaboración público – privada, con participación de toda a cadea forestal e da madeira. Os eixos de traballo na mellora xenética forestal céntranse en tres liñas: reforzo das liñas de investigación, posta en marcha dun proxecto de reprodución vexetativa de piñeiro para produción de planta mellorada e divulgación entre os propietarios, empresas e xestores forestais do novo material.

Así, no ámbito da investigación, a Fundación Arume contratará a un investigador que traballará en estreita colaboración co equipo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán adicado á mellora xenética do piñeiro. Tamén se prevé financiar a estancia en Galicia dun acreditado científico, que se adicará a formar ós investigadores e a divulgar técnicas de mellora xenética avanzada.

De xeito paralelo, porase en marcha con carácter inmediato un programa de producción vexetativa forestal das principais especies de piñeiro, de cara a aumentar a dispoñibilidade de planta de alta calidade. O programa de produción centrarase en dúas liñas, unha por medio de técnicas de embrioxénese somática (clonación), que lidera a Fundación Arume, e outra por técnicas de estaquillado da planta forestal de alto valor xenético, unha tarefa na que se coordinarán os viveiros forestais galegos.

Unha vez se obteña este material xenético mellorado para as novas plantacións forestais de piñeiro en Galicia, a Fundación Arume emprenderá accións de divulgación do mesmo entre os propietarios, xestores e empresas de servizos. Para ese fin está prevista a celebración de xornadas e a edición de material informativo.

O convenio prevé un investimento total de 202.000 euros de aquí ó fin do 2022. Desa cantidade, Medio Rural, conxuntamente con AGACAL, aporta 142.000 euros, en tanto a Fundación Arume completa a financiación con 60.000 euros.

Iniciativas de mitigación do cambio climático
Un último punto do convenio de colaboración, sen dotación orzamentaria, radica no impulso ás iniciativas de mitigación do cambio climático. En concreto, o obxectivo é reforzar o papel da Fundación Arume como punto de contacto daquelas organizacións, asociacións ou empresas que queiran realizar accións de mitigación do cambio climático a través de actuacións forestais en montes de Galicia.

Medio Rural, pola súa banda, impulsará a posta a disposición de montes de xestión pública para levar a cabo este tipo de iniciativas en materia de mitigación do cambio climático. Os posibles beneficios derivados destas accións serán pactados entre os titulares dos terreos forestais e as organizacións, asociacións ou empresas que desexen realizar accións forestais, sen que Medio Rural ou a Fundación reciban contraprestacións polos mesmos.

Sobre a Fundación Arume

A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto do sector forestal da comunidade. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento do piñeiro en Galicia, para o que traballa en catro liñas estratéxicas: silvicultura e restauración ambiental, mellora xenética, formación e marca.

O padroado da Fundación Arume está composto por representantes de toda a cadea de valor da madeira:

Asociación Monte Industria
Asociación Forestal de Galicia (AFG)
ABANCA
Asociación de Viveros Forestales de Galicia (VIFOGA)
Federación de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (FEARMAGA)
Asociación Sectorial Forestal Gallega (ASEFOGA)
Clúster de la Madera y el Diseño de Galicia
Asociación de la 1º Transformación de la Madera de Lugo (LUGOMADERA)
Asociación de Empresas de Servicios Forestales de Galicia (SERFOGA)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información