Acordo cos bancos para dar liquidez ás explotacións que fagan investimentos

Poderán beneficiarase de préstamos vantaxosos para financiar os seus investimentos dentro das axudas da Xunta para plans de mellora, incorporación de mozos á actividade agraria e desenvolvemento de pequenas explotacións. Trátase de que dispoñan de efectivo para levar a cabo as actuacións antes de cobrar a subvención que teñen concedida

Acordo cos bancos para dar liquidez ás explotacións que fagan investimentos

Acto de sinatura do acordo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou este luns un acordo de colaboración con 11 entidades financeiras para apoiar actuacións nas explotacións agrarias galegas. Esta iniciativa permitirá aos titulares beneficiarase de préstamos a interese favorable para financiar os seus investimentos ou gastos no marco das axudas da Xunta para plans de mellora, incorporación de mozos á actividade agraria e desenvolvemento de pequenas explotacións. Trátase de que dispoñan de efectivo para levar a cabo as actuacións antes de cobrar a subvención que teñen concedida.

A Xunta convoca anualmente estas subvencións para as explotacións agrarias co fin de facelas cada vez máis rendibles e mellorar a súa competitividade. A orde deste ano terá unha contía global de 65 millóns de euros, estando prevista a súa convocatoria xa no vindeiro mes de febreiro. Pero unha das dificultades coas que se atopan os titulares das explotacións para facer efectivos as actuacións vinculadas ás axudas é a falta de liquidez. Por iso, a Consellería do Medio Rural intermedia coas entidades financeiras para que estas –dentro da súa autonomía– concedan préstamos en condicións vantaxosas, máis favorables que as que existen no mercado, aos agricultores e gandeiros.

Poderán acollerse a este acordo todas as persoas que teñan unha resolución favorable de concesión de axuda a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 nestas tres liñas de subvencións. Con esta documentación, os interesados poderán achegarse a algunha das entidades asinantes para solicitar un préstamo que será destinado exclusivamente a cubrir os referidos investimentos ou gastos aprobados pola Consellería.

O prazo de vixencia deste acordo prolongarase durante todo o período de programación establecido no devandito PDR (ata o 2020) e o importe de cada préstamo será, como máximo, o solicitado polo beneficiario, sen que poida superar o que Medio Rural propoña como investimento para o cálculo da axuda concedida. A entidade financeira estudará en cada caso, de acordo cos seus criterios de valoración do risco, se procede a aprobación ou denegación da operación financeira. O cobro da subvención asociada ao investimento irá destinado á amortización total ou parcial do préstamo formalizado.

Entidades asinantes

As entidades financeiras asinantes deste acordo de colaboración coa Consellería do Medio Rural son Abanca, Banco Caixa Geral, Grupo Cooperativo Cajamar (BCC), Banco Pastor, Banco Popular, SabadellGallego, BBVA, CaixaBank, Caixa Rural Galega, Santander e Caja Rural Zamora.

Estas entidades achegarán efectivo aos titulares das explotacións para que poidan levar a cabo as melloras nas súas explotacións ou o plan de negocio vinculado á súa incorporación -como mozos- á actividade agraria ou para poñer en marcha unha pequena explotación, antes de cobrar a axuda que teñen concedida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información