Acórdanse pagos directos a todas as granxas afectadas por EHE

Medio Rural e as organizacións Unións Agrarias a Asaga chegan a un entendemento sobre os apoios ás ganderías afectadas pola enfermidade

Acórdanse pagos directos a todas as granxas afectadas por EHE

Reunión hoxe de Medio Rural coas organizacións Asaga e Unións Agrarias.

A Consellería de Medio Rural e Unións Agrarias e Asaga chegaron hoxe a un acordo sobre as axudas que recibirán as ganderías afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizóotica ( EHE). Segundo avanzou o director xeral de Gandería, José Balseiros, as granxas afectadas percibirán un pago directo, previa publicación dunha resolución na que figurará a lista de explotacións e as cantidades que corresponden en cada caso.

A axuda busca cubrir os custos dos tratamentos veterinarios e dos gastos en desinsectación.

Con este sistema de apoios directos, preténdese evitar a burocracia de obrigar ás ganderías a presentar as solicitudes de axuda. “Publicaremos unha orde de axudas directas, coa relación de beneficiarios e as cantidades que lle corresponden, en función das nosas bases de datos”, explicou hoxe Balseiros, nunha comparecencia conxunta con Roberto García, de Unións Agrarias, e Francisco Bello, de Asaga.

O pago para cada granxa afectada pola EHE será en función do número total de animais da explotación, “pois dada a xeneralidade de casos nas granxas afectadas, é o máis axeitado”, valora Roberto García. Se se detecta algún erro, as ganderías terán que presentar a correspondente alegación.

Indemnizacións por mortes
O acordo da Xunta coas organizacións agrarias inclúe ademais un aumento de indemnizacións no caso de animais mortos por EHE, unha suba dos pagos que se fará de xeito retroactivo, é dicir, tamén para os 409 animais mortos o pasado ano. “Será unha suba moi sustancial, nalgúns casos do dobre ou do triple”, adiantou o secretario xeral de Unións Agrarias, pois ata o de agora as indemnizacións por EHE eran idénticas ás de saneamento gandeiro.

Tanto o director xeral de Gandería, José Balseiros, como as dúas organizacións agrarias coas que pechou o acordo felicitáronse polo entendemento. “As organizacións agrarias estamos para achegar solucións ás granxas e iso é o que acabamos de pechar hoxe aquí”, valorou Francisco Bello, de Asaga.

Por parte de Unións Agrarias, Roberto García sinalou como retos de cara o futuro establecer pagos adicionais por lucro cesante (perda de produción) e implantar un seguro agrario que poida cubrir a EHE.

Proceso
Na próxima semana, en principio o 25 de setembro, o Ministerio de Agricultura ten previsto publicar no Boletín Oficial del Estado (BOE) o decreto de axudas para granxas afectadas pola EHE. Unha vez que estea publicado ese decreto, a Xunta elaborará a súa orde de axudas directas.

Quedan por concretar as cantidades das axudas, pero espérase unha cifra similar a que se manexa noutras comunidades autónomas. En Extremadura, por exemplo, abónaselles ás granxas 35 euros por animal maior de 24 meses, en tanto en Cantabria o pago é de 25 euros por animal.

Actualización 23-iX

Esta é a contía das axudas e indemnizacións que se viu hoxe luns no Consello da Xunta.

Impacto da EHE no Deza: máis do 70% das ganderías afectadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información