Aconsellan renovar os tratamentos contra o mildio na viña e tratar contra a Flavescencia Dourada nas zonas demarcadas

Publicidade
Boa parte dos acios na DO. Rías Baixas están en estado de pre-peche. Foto: Estación de Areeiro

Boa parte dos acios na DO. Rías Baixas están en estado de pre-peche. Foto: Estación de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este xoves o seu aviso fitosanitario semanal. Este é o seu análiste do estado da viña e as súas recomendacións de coidados para os vindeiros días.

Mildio:

As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas prevén que o tempo vai mellorar (xa o está a facer, de feito) pola crecente influencia do anticiclón das Azores, pero novamente advirten de que as previsións poden cambiar. No momento da redacción deste boletín (tarde do xoves 20) anuncian, en xeral, tempo seco con nubes e claros, pero algunhas dan unha pequena precipitación un ou dous días. As temperaturas, segundo indican, serán altas ou moi altas, tamén as mínimas, e os ventos de dirección variable, algúns días con refachos próximos a 50 Km/h.

concentracion esporanxios mildio salnes areeiro

Despois das chuvias xa se terán renovado os tratamentos antimildio nos predios que estaban próximos a quedar sen protección e/ou naqueles onde apareceron acios afectados. Onde non se fixera, haberá que proceder, pero prestando moita atención aos ventos, que non deben superar os 11 Km/h. Onde xa se fixera, hai que revisar moi ben o estado da enfermidade, en especial se os ventos que veñen nos próximos días son húmidos ou se continúa a rexistrarse unha moi elevada humidade relativa, dado que a previsión de altas temperaturas nocturnas é xeral.

Nestes momentos é preciso coidar moi ben que a vexetación das cepas non sexa excesiva para favorecer a aireación dos acios

Oidio

Malia ter habido condicións favorables, os tratamentos que se están a realizar están a controlar perfectamente as infeccións, cando menos nas viñas que revisaron os técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Tamén é certo que non detectaron síntomas nas plantas testemuña que manteñen sen intervención de ningún tipo na campaña. A súa recomendación é manter a vixilancia, en especial nas variedades máis sensibles.

Black rot

Os técnicos de Areeiro non detectaron máis síntomas da enfermidade, pero hai que manter a vixilancia e procurar eliminar vides abandonadas próximas ás viñas en produción.

Tratamento contra o mosquito vector da Flavescencia Dourada

De momento as capturas de adultos de Empoasca vitis (mosquito verde) nas trampas son pequenas. Con todo, e como xa avisaron o pasado luns día 17, é o momento de aplicar o primeiro tratamento contra o cicadelido transmisor da flavescencia dourada nas comarcas fronteirizas con Portugal afectadas pola loita obrigatoria que se estableceu pola detección do patóxeno. Desde o pasado mes de maio xa se está a producir o nacemento e desenvolvemento das formas xuvenís e agora xa poden infectar plantas sas no caso de ter adquirido o fitoplasma causante da enfermidade de plantas infectadas do ano anterior. Os tratamentos contra S. titanus son obrigatorios na denominada Zona Demarcada (que se pode consultar en: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231117/AnuncioG0426-101123- 0001_es.html), pero moi convenientes en todo esta área para tentar de limitar ao máximo a extensión da enfermidade.

As materias activas autorizadas polo Ministerio de Agricultura son deltametrin 1.5, 1.57 e 2.5%, acetamiprid 20%, lambda cihalotrin 1.5, 2.5 e 10%, taufluvalinato 24% e Beauveria bassiana (cepa ATCC 74040) 2.3%.

Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas no caso de tratamentos con pistola como en superficies pequenas.

Amais, é fundamental nas zonas afectadas eliminar tamén os ladróns das cepas, pois as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información