Aconsellan renovar os tratamentos contra o mildio na viña e controlar a herba

Publicidade

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de publicar o seu boletín fitosanitario no que informa do estado sanitario das viñas na provincia e ofrece unhas recomendacións para o seu coidado.

Mildio:

Como estaba previsto, as temperaturas nocturnas dos días pasados foron moi baixas, e tanto durante algunhas horas do día coma da noite rexistráronse tamén ventos do norte, o que contivo o avance da fenoloxía das plantas. Estas condicións non foron as óptimas para o desenvolvemento do fungo e así, nas visitas que realizaron os técnicos de Areeiro esta semana ás viñas (entre martes e mércores), non atoparon novos síntomas ou estes eran moi puntuais e tan incipientes que apenas era posible visualizalos.

“Nas nosas parcelas concretamente, que levan segundo a zona 10-16 días sen intervención, tampouco detectamos manchas, nin sequera nas plantas testemuña que mantemos sen tratamento de calquera tipo. Estas plantas tamén estaban completamente limpas, sen indicio algún do patóxeno”, engaden dende a estación pontevedresa.

Porén, advirten de que este xoves, e tras o cambio climatolóxico producido a noite pasada, revisaron de volta a sua viña de Areeiro e comprobaron que “algunha mancha está empezando a aparecer, o que era de esperar tras o cambio producido e ao momento da campaña”.

De cara á próxima semana, as axencias meteorolóxicas consultadas anuncian que as choivas serán unha constante, especialmente entre sábado/domingo e luns, pero en xeral case na súa totalidade prevén precipitacións e temperaturas nocturnas, polo menos a curto prazo, na contorna de 13 ºC.

Por este motivo, dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomendan que “é preciso renovar os tratamentos a menos que xa se teña feito e constatado a súa eficacia”.

Necesidade de controlar a herba:

Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Por outra parte, advirten de que nalgunhas viñas obsérvanse plantas con brotes chupóns nacendo a diferentes alturas das cepas, mesmo preto do chan, e tamén a herba bastante alta. “Estes brotes e herba poden ser unha fonte importante de inóculo do mildio polo que deben ser eliminados e a herba rozada”, subliñan.

Black rot:

Nas viñas que revisaron seguen sen observar síntomas do fungo, “pero nas plantas abandonadas de Corzáns ás que nos referiramos a semana anterior comprobamos certo avance da enfermidade”.

Neste sentido, e dado que as condicións meteorolóxicas que causan o fungo do mildio son tamén propicias para o responsable do black rot e que en certas viñas si hai síntomas da enfermidade, lembran que “nestes predios empreguen un funxicida antimildio que tamén teña efecto fronte a este outro fungo do black rot”.

Caracois e roturas polo vento:

Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Detéctanse caracois en poboacións bastante importantes nalgunhas viñas. Ademáis, os ventos do norte que se rexistraron na semana produciron a rotura de gromos nalgunhas viñas e por iso haberá que estar pendentes da posible aparición de síntomas de podre, dado o anuncio de precipitacións e temperaturas suaves que se prevén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información