Aconsellan realizar unha esfolla moderada das viñas e manter a vixilancia do mildio e do oídio para protexer unha colleita que se presenta abondosa

Publicidade

AREEIRO_Acios_deste_tamano_en_parcela_SalnesA Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de publicar o seu boletín fitosanitario. A información baséase no observado nas súas parcelas de seguimento, noutros predios que visitan os técnicos ao azar e tamén nas informacións que lles aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Neste sentido, matizan que “hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos”.

Mildio

Canto ás observacións dos técnicos de Areeiro nas plantas tratadas de todas as comarcas, “a realidade é que volvemos atoparnos, en xeral, cunha situación estable, de práctica ausencia de mildio, salvo, en orde decrecente de aparición:

– Nalgunha/s folla/s tenra/s dos crecementos dalgún predio

– Nalgún/s acio/s de plantas nos que con anterioridade xa tivera habido síntomas, xa fora nos propios acios ou en follas e onde estes síntomas antigos non terminaran de verse curados. Debido ao tamaño da uva algúns destes síntomas son xa de mildio larvado

– Nalgún/s acio/s de plantas nos que non tivera habido síntomas ata o de agora pero que son parcelas relativamente ou pouco aireadas onde fai tempo que non se aplica un tratamento”

Para os vindeiros días en principio non se anuncian choivas, pero si pode haber néboas (e orballos nocturnos) que humedezan a vexetación, polo que o risco de infección aínda non desaparece. Deste xeito, a recomendación da Estación Fitopatolóxica do Areeiro “é manterse alerta, en especial nos predios onde non se controlaran ben infeccións anteriores, onde apareceran novos síntomas ou onde xa faga tempo que non se executa tratamento algún”.

Ademais desta atención ou vixilancia, recomendan “continuar coas labores que favorezan a aireación dos acios, moi importantes para reducir as infeccións non só de mildio senón tamén doutros patóxenos que poden afectar a unha colleita potencial moi abundante e sa nestes momentos”. Iso si, advirten de que “cando fagan a esfolla procuren non deixar moi expostos ao sol máis intenso ao acios e lembren que estes teñen que alimentarse a expensas das follas, e por iso as esfollas non poden ser intensas como moitas que miramos nas viñas dos nosos percorridos”.

Oídio

Puntual á súa cita polas datas nas que estamos, na Estación de Areeiro detectaron as primeiras follas de albariño con síntomas abundantes desta enfermidade nas súas plantas testemuña, non nas tratadas. E é que as condicións de calor e luz difusa polas néboas que se rexistran favorecen ao patóxeno.

A recomendación: “Manteñan a vixilancia e os tratamentos en especial en variedades sensibles, pois lembren que este fungo pode causar roturas na pel das uvas e non só levar a este dano directo senón indirecto ao favorecer a entrada de botrite”.

Botrite

Non observaron síntomas en ningún predio, nin sequera nos acios/grans secos por mildio temperá que aínda penduran nas plantas testemuña ou neses grans con fendas basais que aínda se observan nalgunhas viñas e onde nas análises de laboratorio non se illou ningún patóxeno.

Porén, naqueles predios con gran número de plantas de variedades sensibles con antecedentes habituais de botrite e outras podres secundarias onde os acios estean máis desenvolvidos e a fenoloxía máis próxima ao peche do acio, “hai que contemplar a opción de aplicar un tratamento preventivo nestes momentos para protexer as posibles micro lesións que haxa nos grans antes de que sexan inaccesibles aos produtos”.

Tamén lembran que “a ventilación dos acios é moi importante co fin da protección fronte á botrite e outras podres”.

Black rot

Nin nas parcelas de seguimento nin nas outras que de xeito aleatorio van observando os técnicos de Areeiro observaron novos síntomas “máis alá dalgunha mancha nova moi esporádica onde xa había síntomas”.

De cara aos próximos días non se esperan choivas, pero si calor e humidade e a uva aínda é sensible polo que hai que manterse alerta e seguir empregando produtos con efecto fronte a este fungo se se realiza calquera tratamento nas viñas.

Outras incidencias

Esta semana destacan dúas: 

-A aparición repentina despois da calor de días pasados de plantas con síntomas evidentes de enfermidades de madeira que antes non os amosaban:

-A detección de síntomas de acariose confirmados baixo a lupa nalgunhas viñas do Salnés e do Rosal, onde mesmo xa había cambio de cor das follas. Nalgún caso mesmo obrigará a aplicar un tratamento inmediato debido á elevada densidade de ácaros atopada: máis de 50 por folla. 

Planta_con_sintomas_de_enfermidade_de_madeira

Planta_con_sintomas_de_enfermidade_de_madeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información