O mildio segue a ser unha das principais preocupacións para os viticultores da provincia de Pontevedra nestes días. Pese á evolución do estado fenolóxico da uva e que moitas comezan xa a entrar na fase de maduración, unha etapa na que deixan de ser tan sensibles a este patóxeno, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro aínda recomendan extremar a vixilancia para atallar a tempo posibles brotes.
As chuvias previstas para os últimos días situáronse por debaixo dos 10 litros por metro cadrado na provincia de Pontevedra, polo que tal e como apuntan os técnicos, os tratamentos aplicados contra o mildio seguirían sendo efectivos. Ante as previsións meteorolóxicas para os vindeiros días, en Areeiro aconsellan manter a vixilancia e tratar as viñas máis afectadas e nas que aínda reste tempo para entrar no pintado.
Ademais, naquelas cepas máis danadas recomendan retirar os acios afectados para evitar que sobre eles se poidan instalar outros fungos oportunistas de podremia como a botrite. Ó mesmo tempo, esta acción reducirá logo o tempo e os gastos de vendima.
A estas alturas e coa previsión dunha baixada das temperaturas, dende Areeiro tampouco observan risco de danos por oídio e apuntan a que o máis probable é que, só aparezan danos naqueles predios nos que previamente se rexistraron infeccións que non foron controladas como deberan.
Aínda que os viñedos se manteñen sen brotes de black rot, aconsellan eliminar aqueles acios que se viran afectados para evitar que se favorezan as podres.
Segundo as estimacións dos técnicos de Areeiro tamén é pouco probable que se produzan danos por botrite ante as previsións meteorolóxicas dos próximos días. Porén, nas súas revisións de campo detectaron un maior número de perforacións das eirugas de Lobesia na zona do Rosal, o que se pode converter nunha oportunidade para que aparezan grans afectados polo micelio do fungo, aínda que dun xeito esporádico.
Así, naquelas variedades máis sensibles e onde se detecten danos por perforacións de Lobesia ou doutra natureza, como feridas mecánicas a consecuencia das rozas, recomendan extremar a vixilancia. “É necesario incrementar a vixilancia, máis polos danos indirectos que se poidan producir pola aparición de botrite que polos danos directos que poden causar as perforacións de Lobesia, que non adoitan causar perdas”, explican dende Areeiro.