Aclaracións do Ministerio de Agricultura sobre a reforma da PAC

Aclaracións do Ministerio de Agricultura sobre a reforma da PAC

O rebumbio mediático que se sucede en España nos últimos meses sobre a Política Agraria Común, con enfrontamentos abertos de determinadas comunidades autónomas co Ministerio, caso de Andalucía por exemplo, levou ó Goberno a emitir un comunicado criticando informacións “falsas” que se están difundindo sobre a reforma da PAC.

O Ministerio insiste en que cuestións como a definición de agricultor xenuíno -quen cobrará axudas e quen non-, as rexións agronómicas nas que se dividirá España ou os criterios de converxencia das axudas a partir do 2023 aínda están sen decidir. Son aspectos que o Goberno quere resolver na segunda quincena de maio, de común acordo coas comunidades autónomas, unha vez que estean pechados os regulamentos europeos da futura PAC.

Este é o comunicado íntegro do Ministerio:

Ante determinadas informacións inexactas, difundidas sobre a negociación en curso da Política Agraria Común (PAC) e a súa aplicación en España, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) quere facer as seguintes precisións:

Primeira.– A discusión dos tres regulamentos europeos da PAC entre o Consello e o Parlamento Europeo, e baixo a presidencia portuguesa da Unión Europea, non concluíu aínda, e previsiblemente non o fará ata finais do mes de abril. Será nese momento cando se decidan os parámetros finais europeos da futura PAC.

Segunda.– Consecuentemente, a previsión é que o Ministerio e as comunidades autónomas poidan reunirse na segunda quincena do mes de maio, para tomar as decisións sobre a súa definición e aplicación en España, para o período 2023-2027.

Terceira.– Por tanto, cuestións tales como a axuda básica á renda, a definición de quen deba percibila, as rexións de pago, os períodos sobre os cales deba estenderse a converxencia para cumprir cos compromisos europeos; así como os ecoesquemas e tódolos restantes conceptos, permanecen nestes momentos en debate, e pendentes de decisión.

Cuarta.- Un intenso traballo de análise e concertación coas comunidades autónomas e coas organizacións representativas do sector tivo lugar desde principios do ano 2019 en máis de duascentas reunións, o que permitiu avanzar con espírito construtivo nos aspectos técnicos da mesma. Igualmente, senllas discusións políticas tiveron lugar con idéntico propósito, para aproximar posicións entre as comunidades autónomas.

Quinta.– É rotundamente falsa e carente de calquera fundamento, a afirmación de que o Ministerio pretenda excluír a un número elevado de perceptores actuais da PAC nesta nova reforma. Igualmente, a de que estean xa decididos importes e mecanismos de repartición das futuras axudas. Lamentamos profundamente estas afirmacións que crean inquietude e desacougo no sector agrario, e confunden a agricultores e gandeiros.

Sexta.– A vontade do Goberno é lograr o acordo máis amplo posible, en forma de acordo nacional, para facer do contido desta PAC, e dos 47.724 millóns de euros obtidos por España no Consello Europeo de xullo de 2020, o mellor instrumento de apoio a agricultores, gandeiros e medio rural, en función das necesidades concretas e previamente identificadas, de cada un dos sectores e subsectores.

Sétima.– A posición do Goberno de España sobre a reforma en curso sobre a PAC é a contida no documento examinado polo Consello de Ministros en novembro de 2018, que aparece amplamente recollida no acordo dos Ministros de Agricultura da UE alcanzado en Luxemburgo en outubro do pasado ano. As decisións de aplicación que procedan serán adoptadas en Conferencia sectorial polo Goberno de España e as comunidades autónomas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información