Aclaracións do Ligal trala reunión con Agromuralla: “Nin o procedemento a seguir nin os equipos rexistraron cambios”

O Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite asegura que "os resultados do LIGAL son fiables e acordes cos máis esixentes estándares de calidade, como se evidencia nos rexistros das probas de intercomparación"

Roberto Lorenzana é o director xerente do Ligal e unha das persoas que mantivo a xuntanza con Agromuralla do pasado xoves

Roberto Lorenzana é o director xerente do Ligal e unha das persoas que mantivo a xuntanza con Agromuralla do pasado xoves

O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), representado polo Director Xerente e a Directora Técnica, mantivo unha reunión o pasado 26 de setembro con representantes da asociación Agromuralla, a raíz das discrepancias coas analíticas recibidas no mes de agosto por parte dalgúns dos seus socios.

Segundo o comunicado enviado este martes pola dirección do LIGAL, os principais aspectos tratados na xuntanza foron:

A exposición da sistemática de análise das mostras de pago por calidade incidindo nos aspectos garantistas de control, entre outros, as calibracións dos equipos, patróns, materiais de referencia externos, intercomparacións e o control estatístico de procesos, así como as dinámicas do laboratorio que aseguran a trazabilidade e fiabilidade dos resultados analíticos.

Por parte do LIGAL reiterouse que todos os parámetros a analizar están acreditados pola Entidad Nacional de Acreditación (ENAC), nin o procedemento a seguir nin os equipos rexistraron cambios. Incídese na periodicidade dos mecanismos de control que garanten diariamente a boa praxe nos procedementos de análise: mostras de resultado coñecido, patrón e certificadas, que acompañan ás mostras de rutina así como a inversión adicional que o laboratorio fixo en materiais que confirman o noso correcto desempeño. Asemade expuxéronse as incertidumes asociadas aos ensaios e recoñecidas polas normas internacionais de acreditación.

Ante as supostas discrepancias observadas polas mostras de leite tomadas por Agromuralla e enviadas a distintos laboratorios, indícase que o LIGAL non pode asegurar a sistemática seguida no procedemento desde a toma de mostra ata a entrada nos laboratorios de análise. Remárcanse, de novo, todos os puntos de control así como os ensaios de intercomparación sobre mostras cegas organizados tanto polo Laboratorio nacional de referencia como laboratorios internacionais de recoñecido prestixio, onde os resultados do LIGAL son fiables e acordes cos máis esixentes estándares de calidade, como se evidencia nos rexistros das probas de intercomparación.

En resumo, os procedementos de análise, xunto coas máis modernas tecnoloxías analíticas, garanten uns resultados trazables, independientes e fiables, mostrándose un sistema robusto e garantista que dende mediados dos anos noventa cumpre con todas as actualizacións da esixente normativa de referencia.

O LIGAL non tería inconveniente en enviar mostras a diferentes laboratorios de análise sempre e cando sexan tomadas directamente polo seu servizo de inspección

Para desfacer calquera dúbida e adicionalmente ao anteriormente apuntado, indicouse que o LIGAL non vería inconveniente en enviar mostras a diferentes laboratorios de análise sempre e cando sexan tomadas directamente polo seu servizo de inspección.

No decurso da xuntanza lembróuselles aos representantes da asociación Agromuralla que calquera entidade pode solicitar formalmente o ingreso nos órganos do LIGAL, se cumpre cos requerimentos que rixen ao laboratorio, sendo a admisión unha decisión que compete aos membros da Xunta Directiva e Asemblea do laboratorio interprofesional.

Finalmente, os membros de Agromuralla foron invitados a percorrer as instalacións do laboratorio e observar de primeira man unha mostra do traballo diario desenvolvido no LIGAL, tanto para o pago por calidade e control leiteiro como para o resto dos principais departamentos analíticos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información