Aclaracións de Medio Rural sobre a obriga de indicar o DNI dos propietarios das parcelas de máis dunha hectárea na solicitude da PAC 2026

rural_guntin_01O pasado 1 de febreiro abriuse o prazo para solicitar as axudas agrícolas e gandeiras da Política Agraria Común 2026, que finalizará, en principio, o vindeiro 30 de abril. Entre as novidades figura a obrigatoriedade de indicar o Documento Nacional de Identidade (DNI) ou de identificación fiscal (NIF) das persoas titulares dos recinto de máis dunha hectárea en réxime de arrendamento, que deberá coincidir coa persoa titular catastral do recinto.

Previa a esta normativa, as persoas propietarias que non querían que as súas parcelas fosen declaradas na PAC podían ir ao FOGGA e acreditar que son propietarias desas fincas e bloquealas, polo que non era obrigatorio identificar ás persoas propietarias.

Dende as organizacións agrarias advirten dos problemas que acarrea este cambio xa que en Galicia hai diverxencias entre a propiedade e o catastro, é dicir, entre titularidade real e titularidade catastral, pois son moitas herdanzas que aínda están sen partir, polo tanto a propiedade está a nome do avo ou do pai, ou de herdeiros.

O Sindicato Labrego Galego ou Unións Agrarias advirten de que unha consecuencia desta nova normativa será unha redución na superficie declarada, xa que sen o DNI dos propietarios as entidades tramitadoras non poden declarar esa parcela.

Aclaracións da Consellería do Medio Rural

Ante esta situación, dende a Consellería do Medio Rural aclaran a Campo Galego que en relación coa obrigatoriedade de indicar o NIF dos propietarios das parcelas de máis dunha hectárea na solicitude da PAC 2026:

-O artigo 11 do Real Decreto 1048/2022 establece que as parcelas deben estar “a disposición do agricultor”, é dicir, que este debe ter capacidade de decisión sobre a actividade agraria, asumir os riscos e percibir os beneficios. Esa dispoñibilidade pode acreditarse en réxime de propiedade, usufruto, arrendamento, parcería ou cesión por entidade xestora de ben comunal.

-No caso de parcelas explotadas en réxime de arrendamento ou parcería situadas en recintos de máis dunha hectárea, a normativa esixe indicar na solicitude o NIF do arrendador ou cedente parceiro. Esta obriga é de carácter declarativo e ten como finalidade reforzar a trazabilidade e o control da dispoñibilidade das superficies.

-Nas fincas con pluralidade de propietarios (herdanzas con varios coherdeiros, comunidade de bens con varios comuneiros, copropiedades con varios copropietarios….), a relación xurídica que acredita o dereito de uso da parcela, pode formalizarse válidamente a través dun representante ou dun dos copropietarios que actúe en nome da comunidade hereditaria ou da copropiedade.

Nestes casos, para os efectos da solicitude da PAC, resulta suficiente indicar o NIF da persoa xurídica propietaria -isto sucederá no suposto de que a comunidade de herdeiros ou a comunidade de bens teña o seu propio NIF- ou o da persoa física que ostente a representación da titularidade compartida, sen prexuízo de que a Administración poida requirir documentación acreditativa da representación ou do título xurídico correspondente.

En definitiva, o elemento clave non é o número de propietarios da finca, senón que o agricultor poida acreditar, se é requirido, que a parcela está validamente á súa disposición antes da finalización do prazo de modificación da solicitude única -no caso de pagamentos directos-.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información