As liñas de media e alta tensión que atravesan zonas de orografía complicada e densa vexetación supoñen un arduo traballo para as empresas eléctricas. A cuestión é que teñen que manter limpa a contorna das liñas, primeiro para garantir o servizo, e tamén para ter unha área de protección fronte a lumes.
Para reducir eses custos e traballos, Naturgy e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, traballan nun proxecto de investigación, denominado Estudo de Xestión da Vexetación baixo Liñas Eléctricas Aéreas, que rematará en decembro do 2027. Falamos con Noela Carrera, xefa do Departamento de Protección Forestal do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán para que nos describa a participación do organismo galego na iniciativa.
“O que se pretende é controlar a vexetación que medra debaixo das liñas. As eléctricas teñen un problema en Galicia porque cada pouco tempo deben facer desbroces intensos e dificultosos que son totalmente mecánicos e, nalgúns casos, mesmo manuais pola inaccesibilidade do terreo. O noso papel é experimentar con tratamentos en forma de cuberta que leven a reducir esas actuacións tan agresivas co medio ambiente.”, explica Carrera.
Coas cubertas pódense reducir os desbroces agresivos co medio, o labor de mantemento e o risco de incendio forestal (Noela Carrera, CIF Lourizán)
Dende o CIF Lourizán, dependente da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), decidiron que materiais se van empregar, en que parcelas se vai experimentar e os protocolos a seguir. O seguemento da evolución dos proxectos e a súa avaliación no tempo son competencia dun equipo no que participan dúas investigadoras, un axente medioambiental e dous peóns forestais.
A experimentación estase a desenvolver en parcelas de monte dos concellos de Bueu e Pontevedra. Foron elixidas pola súa proximidade ás instalacións do CIF Lourizán, polo tipo de vexetación que teñen, por non ser zonas de paso de persoas e porque reflicten as dificultades que se poden atopar en case calquera monte galego.

As cubertas servirán para evitar desbroces moi agresivos co medio
“Para as cubertas baixo as liñas, estamos ensaiando catro materiais biodegradables diferentes. Ao remate do proxecto, presentaremos o balance de resultados de cada un dos materiais e as recomendacións de uso. Naturgy terá que decidir se escolle algún ou todos e, sobre todo, onde os vai aplicar, posto que falamos de milleiros de quilómetros de liñas. Entendemos que irán para as zonas de máis difícil acceso”, valora a técnica do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
Empregamos ácido poliláctico, la de ovella, achas de castiñeiro e restos picados de podas en zonas urbanas
Os materiais que se van empregar son catro: ácido poliláctico, la de ovella, achas de castiñeiro e restos de podas en parques urbanos.
• O ácido poliláctico é un polímero ou bioplástico cuns elementos de base que se obteñen principalmente do millo forraxeiro. Ten unha vida útil relativamente longa e soe ser un bo freo para a vexetación, sen deixar restos no monte cando se degrada.
• “As achas de castiñeiro presentan a vantaxe de contar cunha elevada carga de taninos, que son inhibidores das malas herbas. En Italia xa se ten utilizado como cobertura vexetal en diferentes usos e con notable éxito. Aparte de que non ten moita demanda, polo que resulta económico. Por eso decidimos probalo.”, explica Carrera.
• A opción de empregar restos de poda de parques urbanos vai un pouco na mesma liña que a das achas. Ademais, contan coa colaboración da comunidade de montes veciñais de Coruxo (Vigo), onde se acumulan restos da cidade olívica. Neste caso contactaron cunha empresa que lle-lo serve xa triturado.
• “A la de ovella escollémola porque é un recurso moi abondoso e os gandeiros non sempre conseguen darlle saída. Nas primeiras probas trouxémola dunha explotación da provincia de Lugo. Noutras experiencias ten funcionado como cobertura e agora haberá que comprobar se serve para este proxecto.”
Carrera sinala que o resultado de cada unha das coberturas pode ser diferente en función da composición do solo, da vexetación presente en cada zona, do clima da comarca en que se apliquen e do manexo. É dicir, o que funciona nunha comarca pode non ser tan efectivo noutra. E iso é o que haberá que ir comprobando.

O medidor de respiración dos solos é unha das ferramentas empregadas polos técnicos do CIFL
“A vexetación sempre acaba por impoñerse. A nosa función é alongar o máximo posible o prazo ata que a vexetación reaparece. Por iso, ademais de colocar cubertas, imos probar coa plantación de edras e outras plantas rastreiras. Poden reforzar o efecto das cubertas polo seu efecto tapizante, que impide a xerminación doutras plantas.”
A investigadora sinala como aspiración posible que as edras medren o suficiente para dar o relevo ós catro sistemas de cobertura, ata que estes se degraden por completo -ao cabo de entre dous e tres anos-. Dese xeito, mediante as rastreiras, pódese alcanzar unha cuberta permanente que só requira de intervencións moi puntuais e esporádicas.
A vexetación sempre acaba por impoñerse, pero coas cubertas tentamos retrasar o máximo posible a súa aparición
Ademais de facer o seguemento do crecemento da vexetación e comprobar a efectividade das coberturas, tamén se vai avaliar periodicamente o efecto que os tratamentos poidan ter sobre os solos (propiedades físico-químicas e biolóxicas), para garantir que os materiais empregados non teñan un impacto negativo nos mesmos.
Mario Brage. Técnico de Medio Ambiente de Naturgy
“Xestionamos 116.000 Km. de liñas eléctricas e moitas delas discorren por zonas forestais; o control da biomasa é fundamental”

Mario Brage traballa no Departamento de Medio Ambiente de Naturgy.
– Fálanos do interese que ten para vós este proxecto, a nivel de control do mato baixo as liñas eléctricas.
O Estudo de Xestión da Vexetación baixo Liñas Eléctricas Aéreas é un dos diversos proxectos que está a desenvolver UFD, a distribuidora de electricidade do Grupo Naturgy, para a optimización da xestión da biomasa nas rúas situadas baixo as liñas eléctricas aéreas.
Actualmente, UFD explota 116.000 km de liñas eléctricas en España, e moitas delas discorren por zonas forestais, onde se fai necesario realizar un mantemento periódico da biomasa para garantir os niveis de calidade da subministración e cumprir coa lexislación de prevención de incendios forestais.
Neste sentido, asinouse un convenio coa Axencia Galega da Industria Forestal XERA (Consellería de Economía e Industria), a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, para deseñar e analizar métodos de control de biomasa baixo liñas eléctricas aéreas.
En particular, propóñense dúas estratexias principais para reducir o crecemento desta vexetación: por un lado, a instalación de coberturas ou “mulching” sobre o terreo; e por outro, a plantación de especies rastreiras e de baixo porte que non requiran mantemento, co fin de que, a medio ou longo prazo, poidan desprazar e substituír á vexetación non desexada.
Para o desenvolvemento do proxecto, seleccionáronse dous tramos de liñas eléctricas nos que se implantaron varias parcelas experimentais con diferentes tipos de cobertura, e que, a través dun seguemento periódico, permitirán avaliar a eficacia dos tratamentos aplicados.
– Resúmenos os obxectivo principais.
O obxectivo principal do proxecto consiste en reducir a frecuencia da xestión da biomasa nas rúas das liñas eléctricas aéreas, que se realiza habitualmente mediante desbroce por medios mecánicos. Esta redución non só se traduce nun menor custo de mantemento das infraestruturas eléctricas, senón tamén nun menor impacto ambiental asociado a estas actuacións.
Daremos prioridade a lugares de difícil acceso, espazos protexidos ou zonas de especial vulnerabilidade a especies invasoras
Ademais, especialmente en zonas dominadas por arbustos, este novo tratamento podería contribuír a que as áreas situadas baixo as liñas eléctricas actuasen de maneira máis eficiente como faixas de descontinuidade ou cortalumes, con posibles beneficios na prevención de incendios forestais.
Cómpre sinalar que non se pretende aplicar os métodos ensaiados de forma xeneralizada en toda a rede de distribución eléctrica, senón identificar e seleccionar aquelas técnicas que resulten máis eficaces para ser implantadas en zonas concretas. Estas poderían incluír áreas de difícil acceso para os equipos de mantemento, espazos protexidos ou outras localizacións con sensibilidade especial, como as afectadas por especies invasoras.

As primeiras mallas biodegradables xa se colocaron en Bueu e Pontevedra
– No futuro, en que zonas de España e de Galicia se van aplicar estas cubertas?
O proxecto ten dúas áreas piloto en Galicia: unha no municipio de Pontevedra e outra no municipio de Bueu.
Unha vez finalizado o proxecto e en función dos resultados, poderase implantar en todo o ámbito de distribución de UFD no que poidan resultar efectivos estes sistemas que se están ensaiando, pero a súa aplicación sería especialmente relevante en Galicia e Castela e León polo tipo de vexetación presente.
– En que tipo de liñas de tensión se vai aplicar?
As medidas que resulten viables aplicaranse nas rúas de liñas aéreas de media tensión e de alta tensión, especialmente nos tramos nos que se detecte a presenza de especies invasoras ou de crecemento rápido, ou en espazos protexidos.
– Que prazos manexades?
O proxecto ten un plan de ensaios programado para analizar a súa evolución durante 3 anos. Ao final desta experiencia avaliaranse os resultados, desde un punto de vista técnico, ambiental e económico que, de resultar favorable, poderá determinar o marco de cara á súa implantación progresiva nos tramos de liña que se consideren adecuados.
– Como valoras os materiais vexetais que se van empregar nas cubertas?
Para as coberturas seleccionáronse materiais que actualmente presentan unha demanda reducida, ou que permiten explorar novas opcións de uso para estes recursos. Como materiais vexetais, seleccionáronse un triturado de restos de poda de árbores e un estelado de castiñeiro, destacando este último polo seu alto contido en taninos, que inhibe o crecemento de nova vexetación.
Adicionalmente, empregarase la de ovella procedente de explotacións gandeiras galegas, un material biodegradable que, noutros países, se utiliza como método de control de malas herbas. A súa capacidade ignífuga fai dela unha opción especialmente interesante no marco deste proxecto.
Ademais destas cubertas naturais, tamén se probará a eficacia dunha manta antiherbas biodegradable.
– Que mantemento terán as cubertas?, cal será a súa vida útil?
Unha vez instaladas, as cubertas non requirirán mantemento. A súa vida útil dependerá tanto do material empregado como do espesor, polo que se realizarán ensaios con dous espesores diferenciados. Non obstante, na vida útil das coberturas tamén inflúen de forma decisiva as condicións climáticas nas que se encontren.
– Explícanos a colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Por que se escolleu ese centro?
O acordo de colaboración establece un plan de traballos para o estudo e desenvolvemento de técnicas de xestión da vexetación baixo liñas eléctricas aéreas, onde UFD pon á disposición as parcelas debidamente adecuadas, e onde o Centro de Investigación Forestal de Lourizán desenvolve a parte de investigación no relacionado cos ensaios de campo e de laboratorio.
Seleccionouse o Centro de Investigación Forestal de Lourizán pola súa ampla experiencia na experimentación con parcelas, o que permite recoller unha ampla variedade de situacións e obter resultados de aplicación directa nas empresas.
Galego










Control OJD