Acacias, a ‘praga’ que mata ‘pragas’

Unha investigación da Universidade de Vigo e da Universidade de Coimbra propón aproveitar a toxicidade da especie para axudar a controlar as malas herbas no cultivo do millo. A proposta consiste na incorporación ó campo de restos de follas e pólas destas árbores, logo de comprobar que poden funcionar como herbicida natural

Acacias, a ‘praga’ que mata ‘pragas’

As características flores amarelas da 'Acacia dealbata', coñecida popularmente como mimosa.

Pode extraerse algún valor das acacias e contribuír deste xeito a frear a súa propia expansión en Galicia? Esta é unha das cuestións que xorden nunha investigación que desenvolveron a Universidade de Vigo e a Universidade de Coimbra (Portugal)sobre o control desta especie invasora.

Os traballos realizados ata o momento abren a porta a que as propiedades toxicolóxicas das acacias permitan que se empreguen como potenciais herbicidas naturais no millo e noutros cultivos. Isto contribuiría a que os custos que supón o control destas árbores exóticas non impidan atallar a súa proliferación. Especies como a Acacia dealbata, coñecida popularmente como mimosa, están a afectar tanto á diversidade de flora como de microorganismos do solo naqueles territorios nos que agroman.

Esta investigación procura unha aplicación práctica para os residuos procedentes de controlar a expansión das acacias

“O obxectivo do estudo centrouse en atopar unha potencial utilidade para os residuos das acacias que procedían das accións de control das poboacións invasoras”, explica a investigadora Paula Lorenzo, da Universidade de Coimbra. “Deste modo, poderíamos controlar as poboacións de acacias e usar os seus residuos como materia prima para novos usos. Así, reduciríamos os custos asociados ao control das acacias e favoreceríamos a economía circular”, concreta Lorenzo, que participou de xeito activo tanto neste traballo como noutros estudos nesta liña.

Empregalo como herbicida en solos agrícolas

Unha das utilidades estudadas céntrase en aproveitar o efecto alelopático e fitotóxico que teñen algunhas das especies de acacia invasoras en Galicia. “Propuxemos o uso de material vexetal fitotóxico destas acacias como herbicidas naturais para reducir o uso de herbicidas sintéticos, normalmente asociados a problemas de contaminación e toxicidade para humanos e animais”, detalla a investigadora.

Centráronse en dúas especies: a Acacia dealbata e a Acacia longifolia. En ámbolos dous casos empregaron as follas e pequenas ramas das dúas especies que soterraron en solos agrícolas. En concreto, no caso da A. longifolia as probas realizáronas en testos en invernadoiro, mentres que os estudos con A. Dealbata fixéronos directamente no campo, en condicións reais.

O uso dos residuos de acacias podería contribuír ó control de herbas en terras de cultivo, aínda que sen substituír ós herbicidas sintéticos

Nestes estudos probaron o potencial das acacias para atallar herbas en competencia co cultivo do millo. Os resultados amosaron como a dose usada dos residuos de mimosa contribúe ao control das malas herbas, aínda que está lonxe do nivel que conseguen as solucións artificiais. Habería que estudar o efecto con distintas doses de residuos de mimosa.

Con todo, o equipo de investigadores amósase satisfeito con estes resultados, xa que permiten aumentar o abano de alternativas naturais no control da maleza no cultivo sen ter que optar só por produtos industriais. “Estas acacias poderían ser usadas como medidas complementarias no control das malas herbas. Non eliminaría o uso de herbicidas sintéticos pero, iso si, axudaría a reducir o uso destes herbicidas”, concreta Lorenzo.

Ó mesmo tempo, o estudo tamén amosou que o uso dos restos de biomasa de Acacia longifolia tampouco afectou ó desenvolvemento do millo, pese a ter efectos fitotóxicos para algunhas da herbas que medran e compiten directamente con este cereal. Polo momento probouse co millo, pero contémplase avaliar tamén como funcionan con outros cultivos. “Para poder dicir para que outros cultivos podería ser usada, débense facer estudos nos que se produza o cultivo de interese en solos con ou sen os residuos de acacias e ver os resultados”, apunta.

Está por concretar a dosificación axeitada que é preciso empregar para obter resultados seguros. Tamén contemplan estudar a súa eficacia noutros cultivos

O emprego dos restos de biomasa das acacias no campo aínda está suxeito a un proceso máis detallado de investigación no que se concreten tamén aspectos como a dosificación precisa. “Teriamos que avaliar a concentración ou cantidade á que podería ser empregada para que non tivese efectos indesexados. Porén, toda solución natural que reduza o uso de herbicidas sintéticos, a priori, é unha solución ambientalmente sostible porque en teoría non vai ser tan tóxica e contaminante”, detalla a investigadora.

Atallar a proliferación das acacias

Un dos inventarios recentes realizados no noroeste de España sobre a propagación das mimosas concreta que entre 1998 e o 2008, a área ocupada por estas especies incrementouse un 0,8%, ata 25.400 hectáreas. As previsións sobre o control desta especie invasora tamén apuntan a que continuará expandíndose.

“A erradicación das acacias en Galicia ten moi mal prognóstico porque rebrotan despois de cortalas e producen cantidades inxentes de sementes” (Paula Lorenzo, investigadora especializada)

Con estes datos, conseguir novos usos para a biomasa das acacias pode ser unha ferramenta máis para atallar a proliferación desta especie exótica e invasora en Galicia. Porén, a propia idiosincrasia destas árbores fai que o seu control sexa un reto. “A erradicación das acacias en Galicia ten moi mal prognóstico porque rebrotan despois de cortalas, producen cantidades inxentes de sementes e o rural está a cada paso máis abandonado”, recoñece a investigadora, á par que incide na importancia que ten atopar usos potenciais para as acacias, de modo que se poida controlar, polo menos, a expansión das poboacións invasoras e evitar que se sigan expandindo.

En países coma Portugal, dada a expansión e alta produtividade dalgunhas especies de acacias, como a mimosa, están a considerar o seu aproveitamento como biomasa. Unha opción que outros investigadores tamén verían posible en España, dada a cantidade de biomasa de acacia dispoñible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información