Aceites Abril presenta a nova colleita do seu Abril Colleita Propia, un proxecto que suma 16 anos e que representa a aposta da compañía ourensá pola recuperación do oliveiral galego e a posta en valor dun produto propio, arraigado ao territorio. A campaña 2025 prevé chegar unha produción de 50.000 quilogramos de oliva, o que a situará entre as máis abundantes da historia do proxecto.
Para celebrar unha nova campaña e a traxectoria de 16 anos deste proxecto de recuperación do oliveiral galego, reuniron hoxe a unha vintena de profesionais da gran distribución, do agro e creadores de contido dixital. No oliveiral “Daniel Osorio – O Penedo”, propiedade de Alberto Sierra e situado no Concello de Cenlle, o responsable de Agro de Aceites Abril, Alberto Fernández, explicou aos presentes o proceso tradicional de vareo e recollida da oliva. Destas olivas extraerase o novo AOVE Colleita Propia que se atopará ao dispor do consumidor en Nadal de 2025. Seguidamente, o grupo participou nunha cata de aceites na Granxa D’Outeiro, en Ribadavia, dirixida por Elena Pérez Canal e o propio Alberto.

O responsable de Agro destacou “o bo comportamento dos oliveirais esta campaña, a pesar da prolongada seca do período estival”. Do mesmo xeito, “Cada vez hai máis agricultores interesados en plantar oliveiras fronte a outros cultivos”, explicou Fernández, consolidándose este “como unha alternativa sostible que devolve vida e rendibilidade ao rural galego”.
Pola súa banda, Elena Pérez Canal subliñou a importancia de seguir recuperando o propio: “Colleita Propia é un proxecto con alma galega. Apostamos por un aceite con identidade, que reflicte o carácter atlántico da nosa terra e o esforzo de máis dun cento de produtores locais”.
Durante a cata de aceites, os expertos describiron o novo aceite como “un frutado verde intenso, con arrecendo a herba recén cortada, fiúncho e plátano verde; notas de hortelá e mazá; e un lixeiro amargor cun toque picante en boca, mostra da súa riqueza en polifenois e a súa alta calidade”.
12.000 botellas de Colleita Propia
A empresa ourensá estima que esta produción permitirá elaborar ao redor de 6.000 litros de Abril Colleita Propia, o que se traducirá nunhas 12.000 botellas numeradas de 500 ml. Poderán adquirirse nas cadeas de distribución rexionais, establecementos seleccionados, tendas especializadas e a través da tenda en liña de Aceites Abril.
Elena Pérez Canal adiantou que a produción estará lista para a súa venda “en Nadal, grazas ás melloras implantadas nas instalacións realizadas na campaña anterior, que nos permiten acurtar os tempos do proceso mecánico de obtención deste ouro líquido”.
Pola súa banda, Alberto Fernández engadiu que “o proxecto evoluciona e avanza cara á súa maioría de idade primando a excelencia na calidade”. Nesta campaña “buscamos elaborar un aceite equilibrado que conserve durante máis tempo as súas propiedades saudables. A oliveira galega demostra, campaña tras campaña, que pode producir un AOVE de máxima calidade cun perfil diferenciado, poderiamos dicir que propio”.
Galego








Control OJD