Ábrese o prazo de alegacións contra a prohibición de cazar o lobo por danos

Ábrese o prazo de alegacións contra a prohibición de cazar o lobo por danos

Rabaño de ovellas protexidas por mastín. / Imaxe: Ovica.

O Ministerio de Transición Ecolóxica ten previsto aprobar unha orde ministerial para incluír o lobo no Listado de especies en réxime de protección especial. Para alegar contra esa orde ministerial, que modificará o Real Decreto 139/2011, poderanse presentar alegacións ata o 26 de febreiro.

O proxecto de orde do Ministerio, na práctica, impedirá a caza do lobo por danos reiterados sobre o gando ó norte do río Douro. É unha medida que disgusta a tódalas organizacións agrarias e á que se opoñen os gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, comunidades que acollen máis do 95% da poboación de lobos de España.

A Consellería de Medio Ambiente sinala que os avisos por danos do lobo sobre o gando aumentaron un 126% desde o 2014

En Galicia, a Consellería do Medio Ambiente mantivo hoxe unha reunión online con representantes de asociacións gandeiras de gando extensivo (Ovica, Boaga, Asoporcel, Puraga) para trasladarlles a súa oposición ó proxecto do Ministerio. Medio Ambiente lembra que entre o 2014 e o 2019 os avisos que recibiu por ataques do lobo aumentaron un 126%, pasando de 618 avisos a 1.397, polo que considera que o lobo é unha especie en expansión en Galicia que non precisa do estatus de protección planificado polo Ministerio.

Na comunidade, actualmente o lobo só pode ser cazado con autorización de Medio Ambiente, que valora para eses permisos se hai ou non danos reiterados sobre o gando na área da solicitude.

A nivel estatal, Asaja, Coag e Upa teñen previsto mañá unha rolda de prensa conxunta para amosar a súa oposición ó proxecto de orde ministerial. En Galicia, diversas asociacións gandeiras xa manifestaron unha postura similar en notas de prensa, caso da Asociación Agraria de Galicia, ligada a Asaja, e da Asociación Agrogandeira do Macizo Central, Xeruga, Xeagro, Agrotécnica Friol e Certiforest.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información