Ábrese a convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que cumpre 25 anos

A vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron o convenio de colaboración que pon en marcha a edición deste 2024, dotada dun premio de 10.000 euros. As candidaturas poden presentarse até o día 10 de xaneiro

sinatura convenioAresa USC 2024 1A sala de prensa do Pazo de Montenegro na cidade de Lugo acolleu este martes o acto no que a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron o convenio de colaboración que pon en marcha a edición do ano 2024 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

Con esta sinatura, a empresa agrícola lucense Aresa e a USC dan por iniciada unha nova convocatoria do galardón coa que se cumpren 25 edicións dun premio que recoñece cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

López Pardo agradeceulle á Universidade o apoio recibido en todos estes anos e animou “a participar nesta convocatoria por ser unha data tan representativa”. Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

As candidaturas para este prestixioso galardón poden presentarse até o día 10 de xaneiro

A vicepresidenta de Aresa adiantou tamén as persoas que formarán parte do xurado desta edición: “Os responsables de avaliar as candidaturas serán o reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ou a persoa na que delegue; o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez Torre, e o exreitor e catedrático de Electrónica e Computación, Senén Barro Ameneiro”.

A presentación de candidaturas pode realizarse xa ata o 10 de xaneiro nos rexistros da USC. As bases do certame están xa dispoñibles na web aresa-agricola.com.

Un cuarto de século de apoio ao sector

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022) e a Moexmu (2023).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información