O Consello de Goberno deulle luz verde á creación de novas axudas destinadas ao impulso da madeira como elemento estrutural na construción, por valor de 2,6 millóns de euros. Trátase dunha convocatoria bianualizada, cun investimento para este exercicio 2022 de 300.000 euros, en que corresponden os restantes 2,3 millóns á anualidade de 2023. Farase efectiva o vindeiro xoves, 13 de outubro, mediante a súa publicación do Diario Oficial de Galicia.
Esta convocatoria ten un carácter de concorrencia non competitiva, de xeito que se irán concedendo, na orde de presentación, aquelas solicitudes presentadas de forma admisible ata o esgotamento do crédito. A porcentaxe de axudas será do 70 % dos investimentos realizados, e poderase chegar ata un 90 % do gasto subvencionable en dous casos. Incrementarase un 10 % no caso de empregar algún produto de madeira ou derivado da madeira que proceda de montes galegos xestionados de forma sustentable (coas certificacións PEFC ou FSC).
Para demostrar esta orixe e calidade, debe aplicarse tecnoloxía ‘blockchain’ para a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia denominada Fortra. Tamén pode incrementarse un 10 % no caso de utilizar algún produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia.
O destino destas subvencións son á nova construción, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais e sempre que, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación). Estes serán utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados. Exclúese para este cómputo o uso da madeira nas carpintarías, pavimentos e acabados interiores.
Os beneficiarios poderán ser tanto pequenas e medianas empresas (pemes), incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, como persoas físicas. Serán subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. O importe máximo de subvención total acumulada por beneficiario será de 70.000 euros para pemes e asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro e de 50.000 euros para persoas físicas.
As solicitudes deben presentarse de xeito telemático a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte á publicación da convocatoria (que se fará efectiva o vindeiro xoves, 13 de outubro) ata o 15 de novembro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 15 de decembro de 2022 para a primeira anualidade, e para a segunda o 30 de xuño de 2023 -a execución non terá que estar rematada no momento de xustificación da solicitude de axuda-.