A responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire, informou da apertura da convocatoria para solicitar as axudas do programa de prevención de incendios “O que non arde”, que impulsa a súa área.
Segundo se establece nas bases, publicadas este venres no Boletín Oficial da Provincia, a convocatoria artículase en dous eixos: un, dirixido a titulares de gandeirías de ovino, cabrún e porcino, e outro, a asociacións gandeiras e federacións de produtores que fomenten o silvopastoreo.
No primeiro caso, Medio Rural da Deputación ofrece achegas para a adquisición ou mantemento de peches para xestionar o manexo e protexer o gando da fauna salvaxe, como pastores eléctricos ou valados de diferentes tipoloxías, así como para os gastos técnicos de deseño e construción doutros sistemas innovadores para o aproveitamento multifuncional do monte e a convivencia do gando coa fauna salvaxe. No segundo, o financiamento vai destinado ao desenvolvemento de accións de formación e asesoramento técnico que fomenten o silvopastoreo preventivo de lumes.
As persoas e entidades interesadas teñen de prazo até o 28 de novembro para presentar as solicitudes, dacordo cos modelos publicados no BOP e dispoñibles tamén na web da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.gal), no apartado da área de Medio Rural. O orzamento destinado ás axudas é de 60.000 euros.
Terceira edición dun programa pioneiro
“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
Na pasada edición, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, logrando o mantemento e limpeza de 313 hectáreas de monte en terreos de faixas de protección contra os lumes e na súa contorna.
A iniciativa foi seleccionada entre os tres mellores proxectos de apoio á gandeiría extensiva desenvolvidos desde as administracións locais en España pola asociación non gubernamental de ámbito internacional WWF.