Aberto o programa de apoio a emprendedores no rural da Fundación Juana de Vega

Como xa ven sendo habitual dende fai 9 anos, a Fundación Juana de Vega lanza o programa de apoio a emprendedores e empresas do sector agroalimentario, forestal, marisqueiro e pesqueiro galego. Este ano incorpora como novidades, a axuda estratéxica a PEMES de maior tamaño e a empresas que contribúan a poñer en valor os recursos do territorio

Aberto o programa de apoio a emprendedores no rural da Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega convoca a IX edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias. Este ano, co obxectivo de adaptarse ás novas necesidades provocadas pola situación da COVID-19, ampliouse o programa acollendo ademais de emprendedores, autónomos e MicroPEMES; a medianas empresas de certo volume que queiran poñer en marcha novos proxectos estratéxicos ou que precisen de reformas internas.

O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, destaca a aposta clara da fundación por dar apoio a emprendedores e empresas do rural de Galicia. “Dende fai 9 anos contribuímos a xerar riqueza no rural, sabendo que temos unha boa percepción dos nosos produtos. E este ano sabemos que hai unha grande necesidade de axuda para afrontar unha situación anómala como a que estamos vivindo. Por iso, queremos abrir o programa a outros ámbitos que axuden no desenvolvemento do territorio e acoller a empresas de maior tamaño para axudarlles a afrontar os cambios que precisen”, afirmou.

82 iniciativas empresariais no sector agrogandeiro, agroalimentario ou forestal xa pasaron polo programa

Por este programa, nas oito edicións anteriores pasaron un total de 82 iniciativas empresariais. Desas 82, remataron o programa un 80% das mesmas, e das que remataron continúan traballando ao redor do 60%, que desenvolven a súa actividade en diversos ámbitos do sector agroalimentario coma a produción de mel e derivados, o aproveitamento e comercialización de plantas autóctonas de uso farmacéutico e cosmético ou alimentario; a posta en marcha de adegas para a elaboración de viños de autor ou o desenvolvemento de aplicacións informáticas de xestión para explotacións de porcino, ou apps para dar solucións á problemática das terras en Galicia, entre outros.

A VIII edición xa incorporou como novidade a axuda a empresas existentes (antes centrábase no emprendemento) cunha grande acollida. Finalmente desenvolvéronse 5 proxectos de emprendemento e axudouse a 7 pequenas empresas en proxectos como a reestruturación financeira, redefinición estratéxica, desenvolvemento de novos produtos, ou a creación de novas canles de comercialización.

Os candidatos deste ano poderán presentarse nas seguintes modalidades:

-Emprendemento (creación de novas empresas): que ten por obxectivo axudar aos emprendedores a desenvolver as súas ideas de negocio, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas.

-Crecemento e Consolidación (desenvolvemento de empresas existentes): que ten por obxectivo axudar ás empresas existentes (autónomos, MicroPEMES e PEMES) a desenvolver e/ou consolidar os seus proxectos empresariais tratando de mellorar o seu funcionamento mediante a titorización na toma de decisións en todas as áreas do negocio.

Prazo de inscrición ata o 30 de novembro

Poderán participar en calquera das dúas modalidades, tanto empresas existentes como novas iniciativas empresariais nos campos da industria agroalimentaria, forestal, marisqueira e pesqueira ou outros sectores relacionados cos anteriores, así como aquelas que contribúan a poñer en valor os recursos do territorio e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Ao longo dos meses de xaneiro a decembro de 2021, as empresas e emprendedores seleccionados participarán en seminarios e titorías individualizadas para o seguimento e consulta dos seus proxectos por parte da Fundación Juana de Vega e diferentes especialistas do sector.

Os emprendedores e empresas interesadas terán ata o 30 de novembro de 2020 para presentar as súas ideas de negocio ou proxectos de crecemento e consolidación. A inscrición para participar no proceso de selección está dispoñible na web: programa.juanadevega.org.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información