Aberto o prazo para solicitar as axudas do programa Marela!, de apoio á recría de Raza Rubia Galega

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo lanza unha nova edición deste programa, ampliando a cobertura a xatas cun parto antes dos 36 meses. As axudas, dun maximo de 2.400 euros por explotación, poden solicitarse do 15 de maio ao 11 de xuño,incluídos

marela depu lugo 25 2 A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo abre mañá – 15 de maio- a convocatoria da segunda edición do programa Marela! de axudas á recría de Raza Rubia Galega nas ganderías da provincia.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria con axudas de 400 € por xovencas nacidas na propia granxa , que teñan acreditado un parto antes dos 36 meses e que estean inscritas no Rexistro Definitivo do Libro Xenealóxico de Raza Rubia Galega de ACRUGA.

O deputado Daniel García, que visitou a gandería Finca Villadangos, en Sabarei, no Corgo, explicou que “incrementamos a cobertura do programa ampliando a idade dos animais subvencionables ata os tres anos, tendo en conta a experiencia da última anualidade e a demanda das ganderías coas que tratamos de manter un contacto contínuo desde a área de Rural para que as axudas cheguen da forma máis áxil e adaptada posible ás necesidades do sector”

O responsable provincial encadrou o programa “no apoio a conservación e promoción das razas autóctonas,neste caso colaborando e incentivando con esa achega económica a conservación e a mellora xenética da Raza Rubia Galega, na que se sustenta en boa medida a gandería de vacún de carne na provincia, fundamental na produción de alimentos de calidade e na conservación do territorio”

O programa conta este ano cun orzamento de 250.000 euros -50.000 euros máis que na pasada anualidade-. As achegas están acoutadas a un máximo de seis animais por gandería, 2.400 euros.

O prazo de solicitude é de 20 días hábiles, do 15 de maio ao 11 de xuño, ambos incluídos. Os formularios están dispoñibles na páxina web da Deputación de Lugo, na sección Medio Rural e Mar.

No caso das persoas físicas, poderán elixir presentar a solicitude por vía electrónica ou presencialmente no Rexistro da Deputación de Lugo. Para as persoas xurídicas, o trámite será unicamente por vía electrónica.

En 2024, 251 ganderías recibiron estas axudas para a promoción e potenciación da Raza Rubia Galega

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información