Ata o 25 de abril está aberto o prazo para que os adegueiros e viticultores que teñan pensado realizar a poda en verde dos seus viñedos poidan presentar as solicitudes para optar a axudas por esa práctica. Hoxe mesmo sae publicada no DOGA a orde da Consellería do Medio Rural do 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025. Os produtores de tinto da Ribeira Sacra están entre os principais destinatarios desas axudas. Para esta iniciativa destínanse 600.000 euros.
Dende Medio Rural lembran que a colleita en verde que se subvenciona son “as accións de vendima manual na que se colleiten os acios de uvas cando aínda están inmaturos, de maneira que se reduza o rendemento da parcela.”
Entre as condicións para optar á poda en verde, establécese que “a parcela de viñedo deberá ter sido plantada previamente ás tres campañas anteriores a aquela na que se solicita a axuda, ter unha superficie igual ou superior a 500 metros cadrados, atoparse en produción e en bo estado vexetativo. Ademais, a eliminación dos acios debe facerse de maneira manual”.
Por outra banda, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos. O prazo de presentación das solicitudes será dende a data de publicación no DOGA (9 de abril) ata o 25 de abril. A resolución das parcelas e solicitudes admitidas será antes do 30 de xuño. Dende esa data ata o 15 de xullo deberá realizarse a eliminación dos acios. Dende Medio Rural comunican que se realizarán dende a administración controis sobre o terreo a todas as parcelas as que se concedeu a subvención.
O importe da axuda abrangue a suma de dous conceptos:
Primeiro: O importe de eliminación física dos acios que será o 50% do custo, considerado o custo de 1.547,57 €/ha se o realiza o viticultor e 2.499,78 €/ha se se fai mediante contratación externa ou persoal asalariado
Segundo: O importe da compensación económica do 50 % do produto calculado de multiplicar o rendemento medio da parcela obxecto da axuda considerando para o seu cálculo a media aritmética das tres últimas campañas vitícolas polo valor da uva que é de 1,17 €/kg.
Para o informar sobre estas axudas o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra realizará as seguintes charlas:
Día 14 de abril as 19:30 no Auditorio de Chantada
Día 15 de abril as 19:30 na Casa da Cultura de Sober
Día 16 de abril as 19:30 no Castelo de Castro Caldelas
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ofrece a súa colaboración a adegueiros e viticultores para presentar as solicitudes. Pódese contactar por teléfono no número 982410968 ou vía email en info@ribeirasacra.org.