Aberto o prazo para presentarse aos XII Premios Galicia Alimentación

A entrega, prevista para o 11 de xuño, levarase a cabo nunha gala enmarcada no Foro Galicia Alimentación

Aberto o prazo para presentarse aos XII Premios Galicia Alimentación

O Clúster Alimentario de Galicia volverá pór en valor a excelencia, a innovación, a traxectoria e a proxección do sector da alimentación e as bebidas. Farao cos Premios Galicia Alimentación, unha cita coa que Clusaga busca premiar ao sector dos alimentos e bebidas e que terá lugar o 11 de xuño nunha gala enmarcada no Foro Galicia Alimentación. O Clúster mantén aberto o prazo de presentación de cantidaturas ata o 8 de maio, ás 14.00 horas a través da páxina web de Clusaga.

Como en convocatorias anteriores, estarán divididos en dúas categorías. A primeira estará dedicada aos produtos en si. Deste xeito, baixo o nome de “Alimentos e bebidas”, esta estará integrada polos seguintes galardóns:

– Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Con el búscase recoñecer aos produtos que destacan pola súa innovación, xa sexa en canto a ingredientes, formulacións, novos formatos de packaging intelixente/sostible, ou que despunten por poñer o foco na relación entre nutrición e saúde.
– Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Preténdese salientar a calidade diferenciada e o emprego de materias primas locais nos distintos produtos. Á súa vez, está dividido en tres subcategorías:
– Excelencia Atlántica: enfocado en produtos de mar e a súa transformación.
– Excelencia Terra: para galardoar artigos do sector agroalimentario (tanto da agricultura como da gandaría).
– Excelencia Líquida: dirixido especificamente a premiar bebidas con identidade e expresión do territorio.

A segunda categoría leva o título de “Iniciativas do Sector Alimentario” e concentra os seguintes galardóns:

– Premio Galicia Alimentación á Proxección e Estratexia de Mercado. Neste apartado premiarase o esforzo de empresas e organizacións do sector alimentación por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Neste sentido, valorarase o seu plan de márketing no posicionamento en novos nichos de mercado e a orientación ao consumidor, así como a implantación de campañas. Ademais, tamén se terá en conta a evolución continua e o dinamismo das exportacións na súa estratexia de internacionalización.

Nesta categoría terase en conta, ademais, o traballo desenvolvido por institucións situadas fóra e dentro de España en favor da promoción dos produtos alimentarios e bebidas galegas, actuando, así, como “embaixadores”.
– Premio Galicia Alimentación á Innovación. Dirixido a proxectos, institucións ou organizacións e empresas que destaquen polos seus proxectos de dixitalización (Fábrica 4.0) ou por ter implantado modelos de negocio disruptivos baseados no emprendemento.
– Premio Galicia Alimentación á Sustentabilidade. Recoñecerase as iniciativas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, economía circular e redución da pegada hídrica e/ou de carbono.

Prazos e participantes
O Clúster Alimentario de Galicia manterá aberto o período de presentación de candidaturas ata o 8 de maio, ás 14.00 horas. As persoas, empresas e entidades interesadas en participar poderán facelo a través do formulario dispoñible na páxina web de Clusaga.
Unha mesma entidade ou profesional pode presentar candidaturas a varios premios, sexan ou non da mesma categoría.
Poden optar aos Premios Galicia Alimentación 2026 persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas, que teñan sede social, centros produtivos u exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia e institución galegas ou situadas fóra do territorio que desenvolvesen actividades en favor dos produtos alimentarios galegos.

Como é tradicional, a entrega de premios está prevista para o mes de xuño, nunha gala enmarcada no Foro Galicia Alimentación, que se desenvolverá co apoio institucional da Xunta de Galicia, co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadisa e Vegalsa Eroski e o bronce da Fundación Semana Verde de Galicia.

Bases da convocatoria:
https://www.clusteralimentariodegalicia.org/wp-content/uploads/2026/03/ES_BASES-XII-PREMIOS-GALICIA-ALIMENTACION_2026.pdf

Última edición
O Clúster acadou un auténtico récord de participación nos XI Premios Galicia Alimentación, chegando ás 141 candidaturas. Tras a deliberación do xurado, resultaron vencedores: Pazo de Valdomiño, Los Peperetes, Lenatt, Vinagres do Ribeiro, DairyPet, Daveiga, Nauterra e Hijos de Rivera.
Malia que a última edición pechouse cunha cifra histórica, Clusaga busca volver bater estes números. Con este obxectivo, o Clúster decidiu sumar unha novidade importante nos Premios Galicia Alimentación de 2026: as empresas con menos de cinco anos de traxectoria que resulten gañadoras dun dos galardóns recibirán unha membresía gratuíta en Clusaga.

Clúster Alimentario de Galicia
O Clúster Alimentario de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por máis de 250 membros, entre os que se atopan as principais empresas produtoras e transformadoras do sector, así como universidades e centros tecnolóxicos da comunidade. O seu obxectivo é contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sostible e mellora da competitividade e internacionalización do sector dos alimentos e as bebidas na rexión.
https://www.clusteralimentariodegalicia.org/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información