O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación abriu este xoves o prazo de presentación de solicitudes do premio Alimentos de España aos mellores queixos 2025 tras a orde publicada onte no Boletín Oficial do Estado. As solicitudes poderán presentarse ata o 28 de abril.
O obxectivo destes galardóns é promocionar os queixos de maior calidade e propiedades organolépticas e estimular a excelencia do traballo dos profesionais ao longo de toda a cadea alimentaria, desde a produción e transformación ata a comercialización e o consumo.
A edición deste ano, a número 13, recolle as seguintes modalidades: queixo madurado de vaca, queixo madurado de ovella, queixo madurado de cabra, queixo madurado de mestura e queixo madurado con mofos ou queixo azul.
Outorgarase un galardón por cada modalidade e o queixo que obteña a mellor puntuación será distinguido co Premio Especial Alimentos de España. As mostras deberán enviarse ao laboratorio agroalimentario de Santander entre o 19 e o 23 de maio de 2025.
Os queixos serán avaliados en dúas fases: unha primeira selección cun panel de expertos e unha fase final cos mellor puntuados. Ademais, realizaranse análise fisicoquímicos e microbiológicos. Un xurado presidido pola dirección xeral de Alimentación do ministerio determinará os gañadores.
Os gañadores poderán incluír o recoñecemento na etiquetaxe dos seus produtos e participar nas accións de promoción organizadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Más información sobre os premios nesta ligazón.
Galego









Control OJD