A USC e o grupo empresarial Aresa manteñen aberto o prazo de presentación de candidaturas ao XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ata o vindeiro 13 de xaneiro de 2023. A adxunta á Presidencia de Aresa, Carlota López Pardo, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asinaron este xoves o convenio de colaboración para a convocatoria da nova edición dun galardón que conta cunha gratificación en metálico de 10.000 euros para o proxecto gañador e que está orientado a distinguir iniciativas a prol do medio rural e da mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
“A USC é un aliado indispensable para o Premio Aresa”, afirmou Carlota López, para logo engadir que “pasadas xa dúas décadas da convocatoria da primeira edición, o Premio Aresa mantén os obxectivos orixinais cos que naceu, a través dos que pretende actuar como impulso da agricultura e da gandeiría, que son dous sectores fundamentais para a economía da provincia e de Galicia”.
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 13 de xaneiro
As persoas interesadas en promover candidaturas a este premio en favor do desenvolvemento rural poderán presentar a documentación requirida ata o 13 de xaneiro de 2023 en calquera dos rexistros xerais de que dispón a USC nos seus campus de Lugo e de Santiago, tal e como se recollen nas bases deste premio, que xa están accesibles na web www.aresa-agricola.com.
Xeración de emprego e valor engadido no rural
O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a adxunta á Presidencia de Aresa, Carlota López Pardo; o reitor da USC, Antonio López; a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence; e o presidente da Comisión Científica Externa do Campus Terra, Marius Rubiralta, completan a composición do xurado encargado de fallar a edición deste ano.
Na avaliación das candidaturas os membros xurado prestaranlle especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.
Carlota López resumiu o obxectivo que persegue o Premio Aresa: “Premiar diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural”.
Historial de premiados
Na traxectoria deste importante galardón, que xa ten acadado un recoñecido prestixio no sector, figuran como premiados Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos da USC (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003); a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da TVG O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (EPSE) (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) (2019), a Cooperativa A Carqueixa, que resultou gañadora do premio na edición de 2020, e o Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, galardoado o pasado ano.