Aberto o prazo para presentar candidaturas ao Premio Aresa até o 14 de xaneiro

A empresa lucense de subministros agrícolas e gandeiros e a USC asinaron esta mañá o convenio de colaboración que dá inicio a unha nova convocatoria do Premio de Desenvolvemento Rural, dotado con 10.000 euros

Antonio López e Álvaro Rodríguez Eiras, na sinatura do convenio de colaboración dunha edición anterior

Antonio López e Álvaro Rodríguez Eiras, na sinatura do convenio de colaboración dunha edición anterior do Premio

O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá de maneira telemática o convenio de colaboración que dá comezo a edición do ano 2021 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Esta firma significa o inicio dunha nova convocatoria deste galardón, que chega á súa 22 edición e co que Aresa e a USC premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural, segundo se indica nas bases do certame.

Trala sinatura deste convenio, a presentación de candidaturas pode realizarse xa nos rexistros, tanto físico como electrónico, dos campus de Lugo e Santiago de Compostela da USC dende hoxe mesmo ata o 14 de xaneiro de 2022. O Premio Aresa 2021 consta, como vén sendo habitual, dun diploma de mérito e dunha dotación económica de 10.000 euros.

Premio de referencia

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019) e Cooperativa A Carqueixa, que resultou gañadora do premio na edición de 2020.

Máis información: Bases Premio Aresa 2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información