O Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais deu inicio á terceira edición do Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, que busca seleccionar ós dous mellores meles do ano. O certame desenvolverase no marco da Feira do Mel de Montaña, que este ano chega á súa sétima edición, os días 26 e 27 de outubro en Baleira.
Como novidade, este ano todos os meles participantes serán analizados previamente nun laboratorio para certificar o seu altísimo nivel, o que adiantou a data límite de inscrición ao 10 de outubro ás 12 do mediodía. No concurso poderán participar persoas apicultoras de calquera dos 14 municipios que forman parte do Grupo de Desenvolvemento Rural e Vales Orientais.
Un dos requisitos é que se poderán anotar produtores, tanto individuais como asociados, que produzan un mel que proveña da colleita de 2024 e cumpra coa normativa de calidade vixente. Ademais, as persoas apicultoras deberán entregar dous tarros de vidro de 500 gramos sen etiquetar, acompañados dunha etiqueta aparte, e cumprimentar a folla de inscrición.
Durante a celebración da Feira do Mel, outorgaranse diplomas e trofeos ós dous mellores meles seleccionados. As persoas galardoadas poderán utilizar este recoñecemento na súa promoción como produtores de mel da montaña.
Os interesados poderán obter máis información chamando ao número de teléfono 659 275 743 ou na web do GDR Montes e Vales Orientais.