Aberto o prazo para inscribir animais para a Feira de San Marcos da Fonsagrada

Prevese que acudan gandeiros de toda a comarca o vindeiro día 26 a esta feira recuperada na que se poderá ver gando de distintas razas cárnicas como rubia galega, asturiana, limusín, salers, angus, charolesa, blonde, vianesa ou cachena

Feira San Marcos A Fonsagrada 1O vindeiro sábado 26 de abril A Fonsagrada volve celebrar a Feira de San Marcos, unha das citas de referencia na comarca, na que participaran ganderías locais e doutros concellos da montaña de Lugo con animais de distintas razas de produción de carne de vacún.  

O Concello recuperou no ano 2022 esta feira anual que levaba catro décadas sen celebrarse e que tradicionalmente era unha das feiras de ano de referencia na comarca. Esta cita, organizada polo Concello, conta coa colaboración da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (ASGAFON), a Asociación de Criadores de raza Rubia Galega (ACRUGA), a ADSG Fonsega e o GDR Montes e Vales Orientais.

Ademais de feira e exposición de gando vacún de vida, haberá tamén subasta de xovencas de raza Rubia Galega organizada por Acruga, polo que será unha boa oportunidade para facerse con animais de alto valor xenético, procecentes da granxa de requía que a asociación de criadores ten na Granxa Gayoso Castro, cos que mellorar a cabana gandeira de moitas explotacións coa incorporación ao rabaño de novas liñas xenéticas por medio de femias xa preñadas inscritas no Libro Xenealóxico da raza como futuras reprodutoras.

O Concello recuperou no ano 2022 esta feira, que historicamente era todo un referente nesta comarca da montaña

Agárdanse superar as expectativas dos anos anteriores, nos que se xuntaron 150 animais pertencentes a ganderías da Fonsagrada e de outros concellos da provincia de Lugo e de Asturias. A feira contará coas seguintes razas de gando: Rubia Galega, Asturiana, Limusín, Angus, Charolesa, Yersei, Vianesa, Salers, Cachena, Parda Alpina e Blonde Aquitania.

A inscricipon de animais para participar na feira poderá facerse até o venres 18 de abril, ben nas oficinas do Concello da Fonsagrada en horario de 9 a 14 horas ou ben chamando ao teléfono 689863045.

A feira terá lugar nas instalacións do mercado gandeiro da Fonsagrada. No pavillón cuberto só poderán entrar as reses que cumpran co regulamento sanitario da feira, pero a organización habilitará unha zona do recinto feiral para o gando que non teña realizadas probas sanitarias nos 30 días anteriores fronte a enfermidades como IBR, BVD ou Paratuberculose. 

Haberá tamén subasta de xovencas de raza rubia galega e degustación gratuita de carne de Ternera Gallega Suprema

As persoas que acudan á feira poderán disfrutar tamén dunha degustación gratuíta de carne de Ternera Gallega Suprema.  Así pois, esta cita non só ofrece un espazo para a compra e venda de gando, senón que tamén é unha oportunidade para compartir e poñer en valor o sector. Desde a súa recuperación no ano 2022 por parte do Concello da Fonsagrada, a Feira de San Marcos é un escaparate para os criadores e produtores da zona, unha oportunidade para celebrar a tradición, o esforzo e a paixón coa que traballan cada día os gandeiros e gandeiras da montaña de Lugo.

Trala Feira de San Marcos deste mes de abril, a outra gran cita gandeira da Fonsagrada chegará no mes de setembro, cando se celebra o Concurso Exposición de Gando Vacún e a Feira Cabalar de ano. Serán o sábado 6 de setembro e o luns 8. O ano pasado, sen embargo, o certame de gando vacún tivo que ser suspendido por mor do avance da enfermidade da EHE, que afectou a boa parte das ganderías da montaña de Lugo. 

cartel Feira de San Marcos A Fonsagrada 2025

A Fonsagrada: un punto de referencia para a venda de animais vivos grazas ás melloras acometidas na nave do Campo da Feira 

Feira de San Marcos A Fonsagrada 2022

Desde hai anos, o compromiso do Concello da Fonsagrada co desenvolvemento e a promoción do sector gandeiro está a ser evidente. A recuperación da Feira de Gando de San Marcos é un claro reflexo diso. A mellora das instalacións do recinto feiral tamén. 

As obras levadas a cabo na nave do Campo da Feira, buscando maior confort e benestar animal para o gando e maior comodidade no manexo por parte dos gandeiros e os distintos operadores que fan uso das instalacións, permitiron aumentar a funcionalidade e a utilización do recinto.

A adecuación da zona de pesado para poder realizar pesadas de gando está a permitir a venda de animais por peso vivo

As instalacións ocupan unha superficie de 1.200 metros cadrados e contan cunha nave e unha explanada situadas no centro da vila. O cambio da cuberta, que era de fibrocemento por chapa sandwich, así como a adecuación da zona de pesado para pesadas en vivo de animais, multiplicou o uso da nave.

“Nos últimos meses demostrouse que foi un acerto decidir investir na mellora desta infraestrutura municipal. Están vindo camións a cargar e volvese a vender a quilo vivo”, explica Carlos López, alcalde da Fonsagrada. A posta ao día destas instalacións permitiu aos gandeiros de toda a comarca explorar unha nova alternativa para dar saída aos seus xatos e vacas a mellor prezo, aproveitando a demanda que nos últimos meses se produciu nos mercados exteriores e que fixo desprazarse á montaña de Lugo a compradores doutras comunidades autónomas en busca de gando de calidade. 

O Concello da Fonsagrada corre cos gastos de mantemento, limpeza e desinfección das instalacións

“Todos os días hai entregas e faise concentración de animais para mandar aos distintos matadoiros. As instalacións son moi cómodas e o seu uso é continuo”, indica o alcalde. O gando, criado en extensivo nos pastos da zona, entra directamente ás instalacións da nave do Campo da Feira, desde onde se poden seleccionar os animais que van á bascula e cargar nos camións a través dunha manga de manexo.

Os gandeiros e transportistas teñen tamén á súa disposición todo o necesario para lavar e desinfectar os veículos e remolques sen custo algún. “É un servizo que lles prestanos aos produtores, non só do noso concello, senón de toda a zona. Deste xeito tratamos de contribuír a mellorar a rendibilidade final das ganderías”, explica Carlos López. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información