
Comisión veciñal organizadora da Moexmu 2025 no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta
O traballo para a Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), a cita de referencia para o sector agrogandeiro da provincia de Lugo, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de abril, continúa. O prazo para a reserva de stands e parcelas expositivas xa está aberto e pode realizarse a través do enderezo moexmu@gmail.com ou do teléfono 982504002, chamando preferiblemente polas tardes.
Tamén está aberto o prazo para apuntar xatas e vacas ao Concurso de Gando, o único destas características que se segue a celebrar na provincia de Lugo. A inscrición debe facerse a través de Africor Lugo no teléfono 982250714.
A Moexmu cumpriu xa catro décadas de maneira ininterrompida grazas ao esforzo que ano a ano realizan os veciños da localidade de Muimenta, a través das distintas comisións organizadoras. A deste ano está presidida por Ana Iglesias Lozano. É a terceira vez que unha muller preside a comisión organizadora, despois de Uxia Rodríguez Crecente no ano 1998 e Pilar Morán Edrosa no 2013.
Pregoeiro
O pregoeiro desta edición 2025 da Moexmu será Ricardo Durán Rodríguez (Ferrol, 1975), licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña e presidente desde decembro de 2013 da Fundación Semana Verde de Galicia.
Un dos logros máis destacados desde entón é a recuperación da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, é dicir, o mercado de gando que todos os martes acolle a Feira Internacional de Galicia Abanca nas súas instalacións de Silleda, e que pasou de 16 millóns de euros anuais en transaccións económicas aos 36 millóns cos que se pechou o exercicio 2024.
Actualmente, Ricardo Durán é tamén presidente da Asociación Galega de Feiras e Eventos (AGAFE) e vicepresidente da Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), chegando a ser tamén no seu momento presidente da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB).