Aberto o prazo de solicitude para axudas á innovación no sector agroforestal

Estas subvencións están destinadas a fomentar a innovación neste ámbito produtivo mediante o desenvolvemento de proxectos piloto, aplicación de novos produtos, prácticas, procesos, e tecnoloxías xa existentes, onde tradicionalmente non se utilizaban

Publicidade
Aberto o prazo de solicitude para axudas á innovación no sector agroforestal

As axudas están destinadas ao sector agroforestal coa finalidade de facelo máis competitivo. / Arquivo.

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220127/AnuncioG0528-301221-0001_gl.html

Prazo: Ata 28/02/2022

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola cal se convocan as axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos, e tecnoloxías no ámbito agroforestal. As persoas interesadas teñen un prazo dun mes, a partir de mañá, para presentar de forma telemática as solicitudes. Estas achegas teñen un orzamento de 2,4 millóns de euros e están cofinanciada co Feader no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Os obxectivos destas subvencións céntranse na mellora da competitividade dos produtores primarios, integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de réximes de calidade. As súas pretensións son engadir valor aos produtos agrarios, e ao mesmo tempo, contribuír a facilitar a entrada no sector primario de agricultores adecuadamente formados, o uso máis eficiente da enerxía na agricultura e na transformación de produtos agrarios, e a promover o subministro e uso de fontes renovables de enerxía, subprodutos, residuos e demais materia prima non alimentaria, para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía.

As áreas prioritarias de actuacións subvencionables son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria agroalimentaria, a bioeconomía, e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector. Os beneficiarios desta liña de subvencións poderán ser organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura, e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *