O Concello de Lugo vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para optar a un total de 26 postos de venda na Praza de Abastos e no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros. As persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o 20 de xaneiro. As bases onde se recollen as condicións de adxudicación foron publicadas no BOP do 29 de novembro de 2019.
As persoas ou empresas interesadas poderán optar a un total de 26 postos, 13 na Praza de Abastos e 13 no Mercado Municipal, ademais de 4 cámaras frigoríficas e 4 almacéns. A adxudicación terá unha vixencia de 25 anos. No portal web municipal e na Plataforma de Contratación do Sector Público poden descargarse os pregos técnicos e administrativos, onde se establece a documentación que é necesario presentar.
O prezo actual é de 13,18 euros por metro cadrado ao mes. Polos almacéns páganse 2,40€/metro cadrado e polas cámaras frigoríficas 4,48€/metro cadrado
Entre os 26 postos, que sairán a esta nova oferta, están os 5 do Mercado Municipal e 6 da Praza de Abastos que foron concedidos entre o 4 de maio de 2012 e o 13 de novembro de 2013 por un prazo de dous anos, que foi prorrogado dous anos máis, e cuxa concesión actualmente está caducada. “Estes postos sairán á oferta pública, e poderán presentarse para ocupalos tanto as persoas que os ocuparon durante estes anos, ás que se lles contará a antigüidade, como novas ofertas”, explicou a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López.
A edil responsable explicou que os prezos a pagar polos espazos rexeranse polo artigo 3º da Ordenanza Fiscal municipal número 114, reguladora da taxa pola prestación do servizo de mercado, vixente en cada momento. Na actualidade os postos fixos pagan 13,18 euros por metro cadrado ao mes, 2,40 euros/metro cadrado polos almacéns e 4,48€/metro cadrado polas cámaras frigoríficas.
Dous edificios no corazón do casco histórico
Tanto a Praza de Abastos como o Mercado Municipal Quiroga Ballesteros son dous edificios históricos situados un enfronte do outro en pleno corazón do recinto amurallado lucense. As súas sucesivas reformas levaron o nome de prestixiosos arquitectos, como Eloy Maquieira. A última das reformas acometida nesta década modernizou as instalacións en ámbolos dous edificios de titularidade municipal, converténdoos nun lugar atractivo tanto para os clientes como para os vendedores.
Agora o reto ao que se enfronta o novo Goberno municipal é o de dinamizar este espazo. “Este é un paso máis para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico, ao actualizar as concesións fixaranse empregos e darase garantía ás persoas que exploten estes postos”, dixo Cristina López.
Ademais dos postos fixos, celébrase outras citas e mercados especiais por datas como Todos os Santos, Nadal ou Entroido, así como o Mercado da Terra, a Feira do Mel ou o Mercado de Antigüidades. Algúns dos postos pertencen tamén a gandeiros que comercializan directamente os seus produtos sen intermediarios, como é o caso de Carnicería Brais ou de Traloagro, este último aberto recentemente.
Todos os martes e venres hai mercado tradicional e tamén se realizan neste entorno outras actividades como o Mercado da Terra ou a Feira do Mel
Todas as semanas ten lugar ademais o mercado tradicional dos martes e venres, onde produtores chegados da extensa zona rural coa que conta o concello de Lugo, formada por un total de 54 parroquias rurais, venden directamente ao consumidor os seus produtos e excedentes. Os vendedores pagan tan só 1 euro por metro cadrado e día para poder facer uso das instalacións tanto do recinto central do Mercado como do soto da Praza, que tamén vai ser mellorado e acondicionado no vindeiro ano 2020.
Tamén o vindeiro ano, en paralelo coas obras no soto da Praza, se acometerá por parte da área de Infraestruturas do Concello un ambicioso proxecto para peonalizar a rúa Quiroga Ballesteros e o entorno da Praza de Abastos e o Mercado Municipal, unha actuación que servirá para humanizar un entorno chamado a ser un dos emblemas do centro histórico de Lugo nos vindeiros anos.