A XXIX Feira da Plantación, que terá lugar na leira da Cortiña o último domingo de abril, xa abre procedemento para a reserva de espazos comerciais. A Área de Desenvolvemento Local do Concello de San Sadurniño está a ultimar unha completa programación que virá complementar a grande variedade de produto que ofrece o evento, entre planta de temporada, árbores froiteiras, alimentación, artesanía e materia prima para o campo, así como ferramentas e calquera útil relacionado co mantemento de hortas e xardíns.
Ademais, tamén haberá sorteos e o tradicional agasallo dunha bolsiña con planta ornamental, ofrecido polo Concello grazas á colaboración de Vivergal. As persoas e empresas interesadas en instalar o seu expositor nunha cita que adoita reunir milleiros de visitantes teñen de prazo ata o luns 13 de abril para formalizar a súa inscrición, que deberá tramitarse a través da Sede Electrónica, por correo postal ou de xeito presencial nas oficinas municipais.
Na feira poderán participar viveiros, floristas, produtores e produtoras de horta, expositores de venda de produtos ecolóxicos, postos de artesanía, maquinaria agrícola e entidades sen ánimo de lucro. A solicitude na folla normalizada poderá rexistrarse presencialmente no Concello ou na Casa da Cultura (persoas físicas), ou por correo postal certificado ou a través da sede electrónica municipal, vía obrigatoria para persoas xurídicas.
Como norma xeral poderán solicitarse ata 10 metros frontais, ampliables ata un máximo de 20 metros, no caso de viveiros e maquinaria agrícola. En todo caso, a superficie finalmente asignada poderá variar en función do número de solicitudes recibidas e das necesidades de organización do recinto feiral. As persoas expositoras deberán achegar o seu propio mobiliario e equipamento para instalar o posto, aínda que tamén hai a opción de que viveiros e postos agroalimentarios ou agroecolóxicos lle soliciten ao Concello a instalación dunha cuberta individual con distintas medidas e prezos.
As cotas establecidas para a ocupación e, de ser o caso, para que o Concello corra coa montaxe dunha carpa, son as seguintes:
1 a 4 metros frontais por 5 de fondo: 10 euros
5 a 10 metros frontais por 5 de fondo: 25 euros
11 a 20 metros frontais por 8 de fondo: 60 euros
Entidades sen fins de lucro (postos de entre 1 e 4 metros frontais por 5 de fondo): Gratis
Solicitude de carpa de 3×3 metros instalada polo Concello: 100 euros
Solicitude de carpa de 5×5 metros instalada polo Concello: 150 euros
Solicitude de carpa de 12×6 metros instalada polo Concello: 250 euros
Se se solicita unha toma de corrente, o prezo incrementarase en 15 euros. A maiores, os postos de alimentación que precisen estacionar o seu vehículo durante toda a xornada dentro do recinto feiral tamén verán aumentada a cota en 20 euros.
O listado de postos admitidos publicarase na páxina web municipal o luns 20 de abril. Nos tres días seguintes á publicación da relación de expositores deberase efectuar o pagamento da cota que corresponda segundo os conceptos solicitados.
Ese pagamento cómpre efectualo presencialmente nas oficinas municipais ou ben mediante transferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059 especificando no concepto “Inscrición Feira da Plantación 2026”, o nome da persoa expositora -terá que cadrar co da solicitude- e o número de posto asignado no listado publicado polo Concello. O xustificante da transferencia haberá que envialo ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal antes do día da feira (o propio día 26 non se admitirán resgardos de pagamento).
Galego









Control OJD