A Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA) e o Concello de San Sadurniño seguen apostando pola actividade frutícola como motor de desenvolvemento local. Neste marco, ábrese o prazo para participar nun curso formativo sobre técnicas de poda e guiado de árbores, cunha duración total de oito horas.
O curso terá lugar na Casa da Xuventude o venres 29 de novembro pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas, e continuará o sábado 30 pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas. A inscrición é gratuíta para a veciñanza de San Sadurniño ou socia da AGFA, mentres que para o resto de participantes terá un custo de 40 euros, pagado no inicio da formación.
O técnico Ignacio Bellas Castro será o encargado de impartir as sesións. O primeiro día estará dedicado á teoría, cunha introdución ao sector froiteiro e ás técnicas de poda en función dos sistemas produtivos.
O sábado, o curso trasladarase á horta de conservación de castes autóctonas Carlos Fornos, onde se verán exemplos de podas de formación, de fructificación e de renovación das árbores en época invernal.
A iniciativa forma parte do convenio de colaboración entre o Concello e a AGFA do Eume e as prazas poden reservarse chamando ao 635 013 323 antes do 27 de novembro.