A Fundación Roberto Rivas acaba de abrir o prazo de inscrición para a III edición do programa RR_dTerritorio, unha iniciativa de incubación de proxectos de emprendemento con enfoque social e innovador para transformar o interior de Galicia.
Para participar no programa é necesario inscribirse a través da páxina web www.rrdterritorio.com, que estará aberta desde o día 10 de abril ata o día 10 de maio ás 00.00 horas, ambos os incluídos, período durante o cal se poderán presentar as candidaturas.
O programa desenvólvese de maio a setembro e consta de 260 horas de formación en liña con visitas e actividades presenciais
A convocatoria está aberta a calquera persoa que estea a pensar en emprender en Galicia, agora ou no futuro, e queira formarse para facelo. En particular, o programa enfócase a persoas mozas e que se atopen en comarcas do interior de Galicia, de modo que as candidaturas priorizaranse en función deste e outros criterios establecidos nas bases.
Contido formativo
O programa ten unha duración total de 260 horas, repartidas entre os meses de maio a setembro de 2023, nun formato en liña complementado con algunhas actividades presenciais. A formación iniciarase o luns 22 de maio de 2023 e as persoas participantes aprenderán de forma 100% aplicada, incluíndo as seguintes temáticas:
- Deseño de propostas de valor
- Viabilidade económica e financiamento
- Marketing en liña e redes sociais
- Comunicación e pitch
- Economía circular e sustentabilidade
- Economía social
- Emprendemento con propósito
Ademais, o apoio e acompañamento personalizado estruturarase a través de mentorías en liña a cargo do equipo de formadores, tanto individuais como de equipo.
O programa contará tamén con visitas a empresas e a outros axentes, co obxectivo de coñecer casos inspiradores e innovadores, así como para detectar as principais necesidades e recursos que hai no territorio e que poden ser de utilidade para emprender.
Rede Eusumo
As actividades presenciais terán como referencia o espazo da Fundación Roberto Rivas denominado “A Moda” Rural Lab, en Silleda, e incluirán encontros de traballo xunto con outros destinados ao lecer e a comunidade.
O programa RR_dTerritorio forma parte da Rede Eusumo de colaboración impulsada pola Xunta
Na súa terceira edición o programa ofrece a oportunidade de formarse e capacitarse para emprender, a través do deseño e desenvolvemento de cinco ideas de negocio viables, innovadoras e sostibles, partindo das oportunidades detectadas no territorio e elixidas conxuntamente as persoas participantes.
Nas edicións anteriores deste programa participaron xa máis de 30 persoas, que desenvolveron proxectos de emprendemento en sectores tan diversos como a biotecnoloxía, o uso de drons, a cosmética baseada en produtos locais, os licores e produtos artesanais, a agricultura ecolóxica, o turismo sostible e os servizos persoais no territorio.