O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores dúas ordes de axudas da Consellería do Medio Rural para compensar o sacrificio obrigatorio de animais por erradicación e control de enfermidades e para a reposición de animais nas granxas afectadas, así como para o lucro cesante, por un montante total de 798.200 euros. En ambos casos, o prazo para a presentación das solicitudes comeza hoxe e prorrogarase ata o día 30 de novembro de 2023.
Así, a orde de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando, pola morte de animais ou pola destrución de produtos no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades, conta cun orzamento de 673.200 euros para este ano.
Deste xeito, poderán ser beneficiarias de ditas achegas as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de animais que se sacrifiquen ou morran no marco dos programas oficiais de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o día 30 de novembro
No caso do sector avícola, poderán ser indemnizados os titulares de aves reprodutoras ou poñedoras sacrificadas dentro dos programas nacionais de control de salmonela, ou por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.
No sector porcino, poderán recibir axuda os titulares de porcos sacrificados ou mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente. Así mesmo, corresponde indemnización por visóns americanos que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas oficiais.
Lucro cesante e reposición de animais
Por outra banda, a orde de axudas para compensacións complementarias por lucro cesante e para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades conta cun orzamento de 125.000 euros.
Así, esta orde regula por unha banda as axudas complementarias (lucro cesante) ás persoas físicas e xurídicas e ás entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas nas que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo (baleiro sanitario) no marco dos programas oficiais. Con estas axudas preténdese compensar as perdas pola inactividades da explotación dende que se realiza o sacrificio ata que se repón a explotación con novos animais.
Por outra banda contémplanse ademais aquelas outras axudas ás persoas físicas e xurídicas e ás entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas destinadas á compra de animais para a reposición de efectivos, naquelas explotacións en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial.