A Universidade de Santiago de Compostela (USC) abre o prazo para inscribirse no Máster en Produción de Leite que se imparte no Campus Terra de Lugo. A Escola Politécnica Superior de Enxeñería, a Facultade de Veterinaria, a Granxa Experimental de Leite da Deputación de Lugo e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (LIGAL) serán as sedes principais onde se desenvolverá a formación, en formato presencial, que se completa con prácticas en empresas.
Para acceder ao máster é necesario contar cunha titulación universitaria, preferentemente relacionada co sector agrogandeiro, ou ben ser estudantes aos que reste por superar o Traballo Fin de Grao e, como máximo 9 créditos ECTS para obter a titulación de acceso requirida, aínda que será necesario presentar o título antes de finalizar o curso.
Os alumnos e alumnas matriculadas terán a posibilidade de realización de 312,5 horas de prácticas en empresas do sector como por exemplo Cooperativa Agraria Provincial da Coruña S.C.G; Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL); Laboratorio Interprofesional Galego de Analise do Leite (LIGAL); CLUN S.C.G.; SERAGRO S.C.G.; OVIGANIC IBERICA SL.; AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias); Agrotec Entrecanales ou AIRA sociedade cooperativa galega.
Ofértanse un total de 12 prazas. As clases serán de setembro a xuño e as prácticas finalizarán, como moi tarde, o 30 de decembro de 2027. Haberá ademais que presentar un traballo fin de Máster con tres convocatorias: xullo, novembro e febreiro.
O desenvolvemento do curso é fundamentalmente práctico e consta de sete módulos formativos: Morfoloxía, fisioloxía e manexo sanitario da vaca de leite; Calidade do produto; Instalacións gandeiras; Produción de forraxes; Alimentación na produción de leite; Economía e xestión da produción de leite e Prácticas de campo .
A maiores do Máster, a USC oferta tamén a posibilidade de cursar dous módulos formativos independentes, sen necesidade de facer o Máster completo, como cursos de formación continua: un con formación específica de Alimentación na produción de leite e outro de Economía das explotacións lácteas. Hai dispoñibles tres prazas en cada un destes cursos.
O Máster impárteno 58 profesores dos que 18 pertencen á USC e 40 a outras universidades, centros de investigación, empresas, cooperativas e administración pública. A súa décima edición conta co patrocinio do grupo Lactalis Iberia.
A inscrición no Máster en Produción de Leite e nos distintos Cursos Específicos pode facerse na web: https://www.masterleche.es

Galego









Control OJD