A Consellería de Medio Rural destina 125.000 euros ás axudas de compensación complementarias por lucro cesante e á reposición de gando. As subvencións complementarias por lucro cesante están destinadas a compensar o período de inactividade das explotacións nas que se determina o seu baleiro sanitario (sacrificio de todo o gando).
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), indica que se destinan ás explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, rexistradas en Galicia e nas que por orde da autoridade competente se levou a cabo o sacrificio obrigatorio ou destrución de animais, en execución de programas ou actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control ou erradicación das súas enfermidades, como a tuberculose, a brucelose ou a lingua azul, entre outras.
Subvencionaranse, en base ás marxes brutas medias das diferentes actividades produtivas, tanto o período de corentena (dende o sacrificio ata que Medio Rural autoriza a incorporación e novos animais), como os tres meses posteriores, no caso que o gandeiro non repoña nese tempo o gando.
As subvencións a reposición están destinadas á compra de animais para repoñer e a intensidade das axudas é do 100 % dos custos subvencionables. Teñen un claro efecto incentivador por permitir o desenvolvemento económico das explotacións bovinas, ovinas e cabrúas afectadas por enfermidades.
O prazo de presentación da solicitude e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde mañá, ata o 28 de novembro de 2025.