
De esquerda a dereita; Avelino Souto, Manuel Sandamil, Jorge Cubela, Jessica Rey e Xesús Manteiga, de Africor-Pontevedra
Xa se pode solicitar algunha das 30 prazas que se ofertan na sexta e sétima edición das Escolas de Iniciación de Futur@s Gandeir@s que terán lugar na Finca Mouriscade de Lalín, propiedade da Deputación de Pontevedra. O prezo da inscrición é de 330 € e inclúe o aloxamento, comidas, seguro e material. Para os socios do Clube de Xóvenes Gandeiros haberá descontos do 30%.
Tamén é posible adquirir packs de material para preparación de vacas entre dúas opcións. A básica, de 170 € e que inclúe corda de cuadra, peine e máquina pequena; e a máis completa, de 550 €, que se compón de corda de cuadra, peine, máquina pequena, máquina grande e secador.
As actividades formativas terán lugar en dúas tandas. A primeira entre o 28 de xullo e o 1 de agosto e a segunda entre o 18 e o 22 de agosto. Os participantes serán formados por un mínimo de cinco monitores. O prazo para inscribirse remata o 10 de xullo. Para a inscrición pódese descargar o boletín a través da web de FEFRIGA neste ENLACE ou na do Club de Xóvenes Gandeiros neste outro
Durante o acto de presentación, Avelino Souto, polo Clube de Xóvenes Gandeiros agradeceu as facilidades dadas pola Deputación de Pontevedra para a utilización das instalacións da Finca Mouriscade e destacou o a colaboración de todo o persoal que traballa no centro.
Souto lembrou que estas son actividades lúdicas pero, sobre todo, formativas e animou a participar incluso a aqueles rapaces e rapazas que non teñan vacas na casa. E quixo destacar a colaboración dos patrocinadores CLUN e Federación Frisoa Galega (FEFRIGA), ademais da Deputación.
Jessica Rey, directora de marketing de CLUN asegurou que a cooperativa tiña clara a necesidade de apoiar este tipo de actividades e sinalou que as escolas que se van celebrar en Lalín son únicas en Europa.
Rey cre que accións formativas deste tipo supoñen unha aposta polo rural e o seu futuro e que axudan a traballar no relevo xeracional que se precisa no sector. Tamén fixo un chamamento para que as familias animen os fillos e fillas a participar.
O presidente de FEFRIGA, Manuel Sandamil, agradeceu o concello de Lalín a cesión do albergue municipal para aloxar os alumnos e monitores durante as xornadas e destacou a importancia que a formación ten en todos os elos da cadea dun sector leiteiro galego cada vez máis profesionalizado.
Sandamil quixo lembrar que o pasado ano os xóvenes manexadores galegos resultaron campións mundiais no certame de Bélxica e que eses éxitos acádanse en boa medida grazas as actividades formativas coma as Escolas de Iniciación de Futur@s Gandeir@s. E quixo poñer en valo o traballo que se fai ao longo de todo o ano en Finca Mouriscade.
Pola Deputación Provincial de Pontevedra, Jorge Cubela, Deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural e Cultura expresou a importancia que ten para o organismo que representa o tecido asociativo que se desenvolve en torno ao sector leiteiro. Proba desto, anunciou unha achega de 10.000 € para a organización das escolas, a maiores da cesión da Finca Mouriscade.
Para Cubela, as Escolas son xa un evento plenamente asentado e agora trátase de darlles continuidade e facelas máis visibles para afondar na formación e no espírito de compañeirismo e aprendizaxe común que se producen nelas.
Galego









Control OJD